Cineuropa 33, parte 2: Apáganse os focos ata o ano que ven

Un Teatro Principal medio baleiro despide a 33ª edición do festival compostelán cumprindo co recoñecemento á muller que prometera

Cineuropa chega un ano máis á súa fin, e a gala de clausura puxo a guinda no pastel a unha edición que puxo no punto de mira o traballo cinematográfico das mulleres, tanto detrás como diante das cámaras. Os premios outorgados polo público e o Xurado Novo reafirmaron o obxectivo da nova organización do festival. Porén poucos estiveron aí para ver a entrega dos mesmos, en gran parte motivado pola decisión de non acompañar ao acto coa proxección dun filme.

Tras a reprodución do vídeo promocional de Cineuropa que leva acompañándonos todo o mes de novembro antes de cada proxección, saíron ao escenario a cantante Eider Esnaola e a pianista Rosa García para amenizar con música a cerimonia. Ao longo da gala interpretarían tres cancións, dous delas de coñecidos musicais con importante protagonismo feminino –Os paraugas de Chesburgo e As señoritas de Rochefort-.

Conduciu a cerimonia e presentou os premios a actriz Iria Sobrado, quen xa se encargara de presentar a gala de apertura. Tamén saíron ao escenario a directora do festival, Laura Seoane, quen agradeceu aos patrocinadores, ao persoal do teatro, aos seus compañeiros de organización e, ante todo, a La Tropa Produce. Por último, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen salientou o compromiso de Cineuropa “coa denuncia de todo tipo de violencia, especialmente a de xénero”, facendo referencia a que o transcurso do festival coincidiu co 25N -día contra a violencia de xénero-.

O palmarés decidido polo público foi o seguinte:

  • Sección Europea: Raíña de Corazóns / Dronningen
  • Panorama Internacional: Papicha
  • Latidoamericano: La Llorona
  • Animaeuropa: Un Día Máis Con Vida
  • Cineuropa Docs: For Sama

As películas gañadoras do premio do público volveranse proxectar ao longo do mércores 27 e o xoves 28.

Por outra banda, o Xurado Novo tamén outorgou os seus propios premios:

  • Mellor película: Zombi Child
  • Mellor dirección: Abbas Faddel por Yara
  • Mellor guión: Petar Valchanov e Kristina Grozeva porBashtata
  • Mellor actriz: Mariana Di Girolamo por Ema
  • Mellor actor: Luca Marinelli por Martin Eden
Zombi Child (Bertrand Bonello)

Dende Balea, pasado o meridiano acudimos a Selfie, unha das competidoras máis interesantes da sección Docs Cineuropa. Agostino Ferrente entrega dous móbiles a dous rapaces dos suburbios de Nápoles para que se graven no seu día a día. Aínda que o filme non supoña ningún fito innovador nun formato a medio camiño entre o xénero documental e o xornalismo cidadán, si funciona como un estupendo relato da clase obreira italiana, entretido e conmovedor.

Como unha mestura estrañísima, brillante e hilarante dos universos de Twin Peaks e Heathers, Knives and Skin érguese como unha rara avis nun Cineuropa predominantemente dramático. Jennifer Reeder firma unha xoia do cine teen, asolagada de erros de seguro intencionados, enraizados nas peculiaridades da serie B. ‘Knives and Skin’ é auténtica carne de cine de culto.

Hatsukoi é a nova obra do director xaponés X Miike. É un filme realmente trepidante e que aparentemente bebe directamente do cinema de loita de Hong Kong e incluso de Tarantino. Ten todo para ser un bo filme cando non se toma en serio a si mesmo. Precisamente cando o fai e intenta explorar a historia e a personalidade dos seus personaxes, é cando se desinfla e se convirte nun filme do común.

O amor está na auga (Masaaki Yuasa)

En O amor está na auga Masaaki Yuasa explota a súa parte máis comercial. Sen renunciar a elementos inconfundibles do gran director de animación xaponés e usando elementos como a banda sonora dunha forma maxistral crea este filme sobre o amor e a perda. Unha obra moi accesible, o cal non significa que sexa mala, pero que en ocasións parece firmada por Makoto Shinkai. Iso si, Yuasa a medio gas segue sendo Yuasa e a pesar da excesiva cursilería por momentos, é quen de crear momentos realmente preciosos.

Francia, 1975; a actriz Delphine Seyrig e a realizadora Carole Roussopoulos unen forzas visibilizar o traballo da muller nos mundos da farándula e o movemento feminista en xeral. Delphine et Carole, Insoumises constrúe a partir de abundante material de arquivo esta historia. Mais a pesar do exhaustivo traballo de investigación Callisto McNaulty, a ausencia dun elemento narrativo cohesionador fai do documental un amasillo de testemuños e gravacións que deixan frío ao espectador.

Tamén pode resultar difícil de chegar a Vitalina Varela, de Pedro Costa. Na súa proxección, de feito, moita xente batíase entre marchar —e moitos marcharon— ou incluso durmir, e así se oíron ronquidos. Con todo, se ías suficientemente esperto e coa paciencia necesaria, a historia de Vitalina Varela, así como a fotografía de Leonardo Simões, son dúas experiencias que pagan a pena vivir. Dende o anecdótico, cun plano fixo que tenta ensinar unha realidade ficticia tan habitual como única debido ao bo facer de Costa, Vitalina Varela é unha marabillosa obra sobre a vida e a morte.

Martin Eden (Pietro Marcello)

Martin Eden supón unha ambiciosa adaptación da celebérrima novela epistolar homónima de Jack London. Ambientada na Italia de principios do século XX, o filme de Pietro Marcello é un despregamento cinematográfico que evoca o cine clásico italiano. Porén o artificio visual agocha unha pobre construción de personaxes, tamén solapada pola actuación magna de Luca Marinelli. En adición, o punto de vista focalizado na visión do protagonista, á par caracterizado como unha personaxe abominable, amosa unha ideoloxía sumamente individualista que insulta directamente á historia do movemento obreiro socialista de preguerra.

Dende a posguerra, concretando na Segunda Guerra Mundial, chegou Beanpole, a segunda longametraxe de Kantemir Balagov, a quen tamén puidemos ver neste festival estreando Tesnota fai uns aniños. En comparación, en Beanpole as lanzas van mellor dirixidas, e o ritmo da filme así como a fotografía son exquisitas. Con todo, a medida que a trama avanza as ideas resultan cada vez menos interesantes, enchendo de tópicos e provocacións unha segunda metade de filme na que nada se aporta novo.

Tamén volvía Bertrand Bonello, quen causara admiración con Nocturama, e quen non consegue dar as mesmas sensacións con Zombi Child, á cal o Xurado Novo lle otorgou o premio á mellor película. E non é unha mala filme, nin por asomo, mais o guión e a historia que deciden contar caese a medida que se precisa contar algo e o único que se remata facendo é dando trama nas últimas escenas dunha maneira tal vez demasiado acelerada. Entra nese cine millenial de historias correntes sobre xente nova á que lle pasan loucuras, mais incluso nese terzo atopamos historias moito máis interesantes e vímolas en edicións anteriores.

Custa entender como un produto como Carelia: Internacional con Monumento puido ser escollida para competir nun festival de festivais como é Cineuropa. Andrés Duque viaxa á República de Carelia, rexión da Europa nororiental que sufriu diversas colonizacións ao longo do último milenio, para documentar a vida cotiá dunha familia volcada na cultura carelia tradicional. Tras máis dunha hora de nenos xogando nun bosque de escaso valor artístico, o director decide facer un abrupto salto a outra historia: o dun arqueólogo que escavou os bosques da zona na busca de vítimas da represión o Stalin. Sen ningún tipo de fundamento nin proba, duque sentencia nos títulos finais que o susodito foi procesado por abuso sexual como unha manobra do goberno de Putin para encubrir ao defunto secretario xeral do PCUS, ao igual que todas as súas directivas en materia histórica van neste camiño. Carelia non só é un traballo que carece de calquera tipo de calidade cinematográfica, senón que ademais é todo aquilo que o xénero documental non pode ser: unha difamación.

Pódeche interesar...
Cineuropa 33 | O filme suspendido na inauguración por problemas técnicos terá un novo pase