Cineuropa 33 | Rita Azevedo recolle o seu galadón animando a consumir cinema en salas

A directora portuguesa agradeceu o galardón como un estímulo para seguir creando

Tras entregar o máximo recoñecemento á actriz María Vázquez na cerimonia de apertura, a realizadora lisboeta Rita Azevedo Gomes foi a segunda galardoada na 33ª edición de Cineuropa. A sesión, que como cabía esperar, non tivo o éxito de asistencia da apertura do festival, encheu case todo o patio de butacas do Teatro Principal.

Abriu o acto a directora de Cineuropa, Laura Seoane, apreciando o traballo da premiada, unha directora que estivo sempre moi presente en todas as edicións do festival. Seoane destacou a “potentísima forza visual que inunda a obra persoal de Rita Azevedo”, así como a “importancia da visualización do espazo escénico ao longo de toda a súa filmografía”. Tamén aludiu aos inicios na industria cinematográfica da autora, quen comezou como axudante de vestiario do prestixioso cineasta Manoel de Oliveira.

A concelleira de Cultura de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, foi a encargada de entregar o premio. Na súa intervención remarcou a importante labor que está a levar a cabo Cineuropa este ano: “Está facendo visible o traballo e o punto de vista das mulleres no cinema, sumando a súa mirada ás sensibilidades de todas aquelas que traballan nel”. Así mesmo, Rosón agradeceu á organización por “poder ser partícipe de momentos de recoñecemento” tales como a honra á traxectoria dunha muller tan prolífera no mundo do cinema.

Co galardón nas súas mans, Rita Azevedo acentuou a súa sorpresa cando lle comunicaron que ía ser premiada: “Nunca vin a miña evolución como un proxecto de recoñecemento, pero un premio é sempre un estímulo de motivación”. Asemade, animou ao público a seguir asistindo ás proxeccións de Cineuropa en particular e ás salas de cine en xeral, xa que “non é a mesma experiencia ver un filme na televisión ou na pantalla do móbil que nun teatro”.

Por último, a directora de filmes como Frágil Como o Mundo e Correspondências remarcou que para ela “todos estes anos de cinema foron resultado do esforzo, a resistencia e a insistencia”, mais cunha soa excepción, aludindo ao documental que foi proxectado inmediatamente despois: “Este filme foi feito con amigos nunha semana, no contexto menos elaborado”.

A película que acompañou á entrega do premio, Danses macabres, squelettes et autres fantaisies, é o último traballo de Azevedo, en colaboración co director Pierre Léon e o escritor Jean-Louis Schefer. O film-ensaio xira parte da teoría de Schefer sobre o xénero artístico tardo medieval da Danza da morte, e expándese a case dúas intensivas horas de conversas entre tres grandes figuras da cultura europea contemporánea.

Pódeche interesar...
“O que arde” fai historia, xa é o filme en galego máis visto