Cineuropa 33: Sempre en Galicia. As “nosas” películas dentro do festival

O festival contará con ciclos propios, retrospectivas e representación entre as seccións oficiais adicados ao cine patrio.

Algo que forma parte do ADN do Cineuropa dende fai moito é que, neste festival galego, a importancia de Galicia nunca é nin debe ser menor. O evento compostelán está xa consolidado, e non se conformou xamáis con ser un simple escaparate internacional, senón que sempre existíu unha representación do cinema galego máis que digna.

Ata a edición deste ano, algo habitual ao pasar as páxinas dos nosos libriños era atopar a sección de Panorama Audiovisual Galego, por onde pasaban estreas, pre-estreas, pases especiais e directores que viñan a participar en coloquios co público que se achegaba ata as salas de cine a desfrutar das nosas películas. Polas salas do Cineuropa pasaron directores como Álvaro Gago (Matria), Xacio Baño (Trote), Xisela Franco (Visións) ou Anxos Fazáns (A Estación Violenta), entre moitos outros, deixando tamén a súa pegada e a súa maneira de ver o cine.

Para esta edición, cun cambio de dirección despois de tantos anos, houbo trocos que a primeira vista puideron meter medo e facernos pensar que as cousas xa non ían ser iguais. Con todo, non. O cine galego continúa a ter o seu espazo no Cineuropa. Se ben aquel Panorama Audiovisual Galego xa non ten unha sección como tal, chegaron outras ao seu espazo e tamén aparecen no mapa outras películas feitas en Galicia noutras moitas seccións.

Arima, de Jaoine Camborda, faise un oco na Sección Europea

Dentro das seccións oficiais, un habitual é acceder ás estreas máis destacadas do cine do continente, onde non é común que unha película galega teña un sitio. Os casos máis recentes foron o de Oliver Laxe, en 2016, con Mimosas, e o de Ángel Santos con Las altas presiones, en 2014.

Arima (Jaoine Camborda, 2019)

Jaoine Camborda será a encargada de, dous anos despois da última, de novo ter a oportunidade de competir na sección oficial. Arima é unha película galega e en galego, e xa a escollimos entre as dez películas imprescindibles deste Cineuropa. Camborda non é, tampouco, unha cara nova neste festival: Dentro daquel Panorama Audiovisual Galego, sen irnos demasiado lonxe, estivera xa na edición de 2017 coa curta de A rapa das bestas.

Os últimos día do Edén: Representación galega na sección sobre o cambio climático

A web do Cineuropa fala dunha complicada relación entre o ser humano e a contorna, onde a natureza hai tempo que deixou de ser territorio de aventuras. Inspirados no título da película ecoloxista de John McTiernan, haberá cine galego compartindo sección con nomes da altura de Hayao Miyazaki ou Terrence Malick.

As encargadas de representar ao noso país nesta sección serán Ángeles Huerta con Esquece Monelos, documental gañador de tres Mestre Mateos (Mellor documental, mellor montaxe e mellor dirección de fotografía); Os Fillos da Vide, de Ana Domínguez; e Trinta Lumes, de Diana Toucedo, da que xa se falou fai nada en Balea, aparte de tamén ter unha charla coa propia directora.

Trinta Lumes (Diana Toucedo, 2018)

Dúas pre-estreas galegas para sorprender neste Cineuropa

Se o ano pasado era Loro, de Paolo Sorrentino, a pre-estrea do Cineuropa que máis gañas se tiña de catar, este ano as nosas ideas non están tan fóra do país. Eroski Paraíso e Longa noite son, sen dúbida algunha, dúas citas ineludibles para a edición deste 2019.

En Eroski Paraiso, Jorge Coira e Xesús Ron crean unha comedia a través do que o ano pasado era una obra teatral do mismo nome. Documental, ficción e performance cunha discoteca reconvertida en supermercado co paso do tempo. Porque pasa para todos.

Eloy Enciso, pola súa banda, achegaranos en Longa Noite un drama sobre o rural galego de aire triste, pausado, nunha Galicia trala Guerra Civil onde, cunha fotografía que a primeira vista semella inolvidable, esperamos que algo choque nos nosos corazóns para sempre.

“Paisaxes urbanas no cinema galego”, unha volta aos tópicos sobre o rural

Se algo é sorprendente, á par que interesante e totalmente recomendable a escuras, é a idea principal sobre a que se plasma este ciclo do Cineuropa 33. Acostumados a máis non poder a ver no cine galego ese rural que tanto nos definíu históricamente, incluso este mesmo ano levado á gran pantalla por Oliver Laxe con O Que Arde, un xiro de 180 grados parece incluso imposible, mais non será así.

Non son poucas as películas que falan das urbes galegas, e moitas destas veñen da mán de directores novos que achegan unha visión diferente ao que xa tiñamos como establecido. Así, este ano teremos no Cineuropa películas que, se ben na súa maioría xa pasaron polo festival, volven para formar parte dun recuncho especial.

A Estación Violenta (Anxos Fazáns, 2017)

Pasarán polo Cineuropa 33 dentro deste ciclo películas como 18 Comidas, de Jorge Coira, A Estación Violenta, de Anxos Fazáns —coa que mantivemos unha interesante conversación—, Adolescentes e Las Altas Presiones, de Ángel Santos, La Estrella Errante de Alberto García, N-VI de Pela del Álamo, Tralas Luces, de Sandra Sánchez, e a espectacular Dhogs, de Andrés Goteira, co que tamén tivemos o pracer de falar o ano pasado.

Cine galego na honra de María Vázquez, Premio Cineuropa 33.

María Vázquez, actriz lucense á que se lle dará o Premio Cineuropa nesta edición, terá unha retrospectiva propia onde se proxectarán películas nas que ela tivo un papel protagonista como maneira de homenaxeala.

Dentro de dita retrospectiva estarán dúas películas de ámbito galego a destacar, sendo éstas Trote, de Xacio Baño, e a última gran producción a nivel estatal e producida no noso país, Quien a hierro mata de Paco Plaza para Vaca Films. Ambas películas estarán acompañadas na retrospectiva por Mataharis, de Icíar Bollaín.

Pódeche interesar...
O Super Bock Under Fest celebrará a súa segunda edición a finais de novembro