Cineuropa celebrarase do 6 ao 22 de novembro

A 34ª edición do festival compostelán tomará unha forma integramente presencial, con 99 películas na programación e catro sedes

Finalmente, e a pesar da crecente incerteza causada pola segunda ola da pandemia, si haberá Cineuropa. O tradicional festival, patrimonio cultural vivo da cidade de Compostela, terá lugar a partir do vindeiro venres 6 e ata o 22 de novembro, se a situación sanitaria o permite. A programación acollerá 99 películas que se exhibirán en catro sedes: o Teatro Principal, o Salón Teatro, a sala NUMAX e a sala Mozart do Auditorio de Galicia. Por mor das medidas de seguridade, os aforos reduciranse a 30 asistentes por sesión, nun certame que se celebrará de xeito presencial, descartando a vía híbrida coa que están a tomar forma a maioría dos festivais de cinema.

O director de Cineuropa, José Luis Losa, destacou a colleita do mellor cinema internacional exhibido na última tempada, e que inclúe boa parte do palmarés dos festivais de Berlín, Cannes, Venecia ou San Sebastián. Apelando á reducción cuantitativa da programación, que contará nesta edición con 99 películas, quixo incidir no mantemento da “médula do festival”: “Liberamos seccións paralelas e retrospectivas, pero continúa toda a programación importante”, sinalou.

Os honrados co Premio Cineuropa serán, desta vez, os directores Margarita Ledo e Alfonso Zarauza, e o actor Javier Gutiérrez. Dos dous primeiros, exhibiranse os seus filmes máis recentes: Nación e Ons, respectivamente. Os ciclos temáticos centraranse, por unha banda, na obra do compositor de banda sonora Ennio Morricone. Por outra, no concepto de ‘cine dentro de cine’, realizando unha “chiscadela á situación que estamos vivindo”, e á “importancia de consumir o cine dentro da sala”, indicou Losa.

En canto á decisión de materializar Cineuropa pola vía presencial e descartar o reforzo telemático, Losa sinalou a inviabilidade de levar os filmes ao pase online, debido ao caché das películas programadas. Alén, salientou a necesidade de potenciar os festivais en “pantalla grande”. O público deberá afacerse a “un consumo máis comedido”, debido á restricción de aforos a 30 persoas por sesión. Por esta razón, a idea será sacar á venda as entradas semana a semana, e non no paquete inicial habitual.

A Concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, quixo salientar a importancia do cine de autor e independente nesta situación excepcional. Unha idea que apoiou Losa, apelando á decisión da industria de Hollywood de aprazar as estreas cinematográficas: “Máis que nunca, o cine de autor é importante para manter ao público nas salas e integrada a cultura”. O director do festival citou á actriz Charo López para enfatizar a necesidade de coidar o cine: “Que o virus non contamine a cultura”.

Pola súa banda, o Alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo congratulou a celebración do festival nun ano convulso, “no que precisamos cine, esperanza e alegría”. Sinalando a incerteza actual e a probabilidade de que Cineuropa teña que deterse nas vindeiras semanas por mor de novas medidas sanitarias, quixo salientar o ánimo do Concello de Santiago por manter toda a programación cultural: “É absolutamente imprescindible, nun escenario tan incerto no que a nosa poboación está sufrindo unha perda de tantas cousas, salvagardar a cultura e o cine”.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.