Cineuropa está de volta con preto de 200 películas

A programación da 33ª edición do festival Cineuropa aposta por proxectar en Santiago de Compostela unha selección de filmes que amosen a alta calidade da produción cinematográfica acadada este ano, entre os que destacan os títulos dirixidos por realizadores e realizadoras novas, cunha mirada plural e feminina e diversidade de xéneros.

Deste xeito, o público compostelano poderá gozar de películas como Ema, de Pablo Larraín, que será a encargada de abrir a xornada inaugural do festival, xusto a continuación da entrega do primeiro dos premios Cineuropa, que recibirá María Vázquez o 7 de novembro. A programación completa foi presentada esta mañá polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a directora do festival, Laura Seoane; e o coordinador de programación, Javier Trigales, nun acto no Teatro Principal no que tamén participaron o director do Agadic, Jacobo Sutil, e a actriz María Vázquez.

Os case 200 títulos que compoñen o festival, que se celebrará entre o 7 e o 28 de novembro na capital galega, estarán estruturados en competición oficial, na que se diferencian cinco categorías –Europea, Panorama internacional, Docs Cineuropa, Latidoamericano e Animaeuropa, que se estrea neste edición–, e seccións paralelas, que servirán para redondear o contido do festival, reforzar temáticas e crear conexión entre as películas en competición e as restantes. Os filmes da programación paralela estarán adicados a lembrar as traxectorias de cineastas como Agnès Varda, Chantal Akerman, Jonas Mekas ou da crítica de cine Pauline Kael.

Estas seccións tamén afondarán na produción da directora Jessica Hausner e adicarán espazos a películas vinculadas a varias temáticas, como son o cambio climático e a emerxencia ecolóxica, ou a avaliación da vixencia do test de Bechdel a través de filmes producidos en Hollywood. Ademais, o cinema galego terá tamén un espazo destacado dentro de Cineuropa, con 17 títulos entre os que se contan estreas de películas como Arima, Longa Noite e Eroski Paraíso, ademais da presenza da meirande parte dos directores e directoras no festival.

Ademais de actividades xa tradicionais do festival como é o maratón, que se titulará O mundo contra min, o público poderá gozar de novidades como o incremento das proxeccións de películas sorpresas, que se triplican pasando dunha a tres. A selección de filmes, sobre os que se darán pistas ao longo do festival a través das redes sociais, inclúe un título dos anos 70, outros dos anos 80 e un actual que será unha película de estrea moi relevante. Este ano incorpórase tamén a exhibición durante os dous últimos días do festival dos cinco filmes gañadores, un por categoría, que haberá este ano para que a audiencia teña unha nova oportunidade de visionalos.

As entradas e bonos para asistir á 33ª edición de Cineuropa poderán mercarse dende o vindeiro luns, 4 de novembro, a través do portal compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal. O abono poderá mercarse e canxearse tamén por Internet.

Pódeche interesar...
Ilegales presentarán “Rebelión” este sábado na Sala Capitol