Da Galia a Gilead: dez títulos para gozar da literatura traducida ao galego

Nun mundo no que se conmemoran efemérides para case todo, afortunadamente contamos cun día internacional da tradución, celebrado non hai moito, no que pór en valor un labor a miúdo pouco apreciado malia a súa incontrovertible importancia. A conveniencia ou non de establecer días específicos no calendario para lembrarmos feitos ou eventos cuxa transcendencia debería resultar obvia revélase menos discutible no caso concreto dun oficio sen o cal non poderiamos achegarnos á inmensa maioría das manifestacións literarias producidas no orbe, manifestacións que aínda contan cun espazo máis limitado do desexable no sistema literario galego.

Porén, os avances xa pasaron de ser tímidos a ser (moi) significativos e temos cada vez máis motivos para congratularnos e para celebrar sen complexos un día que exalta a diversidade, tamén nas nosas letras e especialmente nun ano 2019 no que a literatura traducida ao galego incorporou novos e moi interesantes títulos aos que merece a pena achegarse.

Irmás Cartoné

O Conto da Criada

Margaret Atwood

Traducción: Celia Recarey e Carlos Valdés

Unha das grandes novidades da literatura traducida do presente ano literario veu da man da editora Irmás Cartoné, cunha coidada edición do texto de Margaret Atwood, inspirador dunha das series de televisión máis celebradas do momento. A oportunidade do seu éxito catódico non desmerece unha novela imprescindible no seu xénero e que tece un perturbador relato sobre unha sociedade presa dunha distopía totalitaria, teocrática e patriarcal, a república de Gilead (violentamente fundada sobre os cascallos morais e políticos dos EUA).

A tradución galega, a cargo de Celia Recarey e Carlos Valdés, retoma maxistralmente para as nosas letras unha obra cuxa actualidade permanece vixente dende a súa primeira saída do prelo en 1985.

Rinoceronte Editora

Herba abraiada. Poemas de Emily Dickinson

Emily Dickinson

Traducción: Marta Dahlgren e Manuel Forcadela

Nesta antoloxía dunha das poetas máis importantes do canon literario norteamericano, Rinoceronte Editora recupera o xénero lírico para o seu amplo catálogo e trae á nosa lingua unha espléndida escolma das súas composicións máis celebradas.

Marta Dahlgren e Manuel Forcadela seleccionan e traducen parte da súa produción poética, abranguendo distintos períodos da traxectoria de Dickinson, dende os inicios ata os seus derradeiros poemas máis abstrusos e enigmáticos, e vertendo ao galego a intensidade e a paixón dunha autora irrepetible.

Urco Editora

A cámara do sangue e outros relatos

Angela Carter

Traducción: María Reimóndez

Semella que as historias de Angela Carter estaban destinadas a formar parte do repertorio dun selo, Urco Editora, fondamente comprometido coa edición de literatura fantástica, de ciencia-ficción e de terror en galego.

Grazas ao oficio de María Reimóndez os influentes e suxestivos relatos da autora británica, que achou no conto popular a máis proveitosa materia de reelaboración e subversión literarias, ven a luz na nosa lingua nunha esmerada publicación que conta cun limiar de Emma Pedreira e co deseño da ilustradora Eva Agra.

Laiovento

A guerra da Galia

Gaio Xulio César

Traducción: Alfonso Blanco Quintela

Un dos textos fundamentais da Roma antiga, cun valor histórico e literario que transcende o seu contexto de produción e que aínda a día de hoxe nos axuda a entender o funcionamento da propaganda nas sociedades modernas.

A figura de Xulio César, axigantada pola súa propia lenda posterior, preséntase a si mesma cunha distancia enganosa, mediante o emprego da que posiblemente é a terceira persoa narradora máis célebre da historia da literatura occidental, facéndoo agora en galego grazas á tradución de Alfonso Blanco Quintela e baixo o paraugas da editora Laiovento.

Kalandraka

O planeta dos simios

Pierre Boulle

Traducción: Antía Veres Gesto

Se ben xa contamos cunha moi apreciable selección de literatura distópica e de ciencia-ficción vertida ao galego, afortunadamente esta non fai máis que ampliarse. Neste 2019 saíu do prelo a primeira tradución ao galego da obra de Boulle, base de varias sagas cinematográficas dende os anos 60 até a actualidade e unha novidade que a propia Kalandraka completa coa publicación da novela de Philip K. Dick, Soñan os androides con ovellas eléctricas? (na que se basea o filme Blade Runner).

Antía Veres Gesto, recente Premio Plácido Castro de Tradución coa obra A lost lady de Willa Cather, asina esta agardada e soberbia tradución.

Pódeche interesar...
Sorrentino volve á televisión. The New Pope xa ten data de estrea