Death Stranding continúa a xerar expectación co seu tráiler de lanzamento

Outros oito alucinantes minutos tentan dar luz ao novo videoxogo de Hideo Kojima, que chegará a PlayStation 4 o 8 de novembro

Death Stranding levanta pasións dende o primeirísimo anuncio. A impactante presencia de Hideo Kojima, cun currículum impactante no que destaca o seu papel como principal productor, director e escritor da saga Metal Gear Solid, foi máis que suficiente para ilusionar dende o comezo. E non é o único nome que mete medo nun xogo que conta coa participación de recoñecidos artistas como Norman Reedus, Léa Seydoux, Mads Mikkelsen, Guillermo del Toro ou Nicolas Winding Refn.

Esperándose o seu estreo o vindeiro oito de novembro para a plataforma PlayStation 4, o novo tráiler chega cheo de cinemáticas espectaculares, novas imaxes do gameplay e un intento de despexar dúbidas sobre esa narrativa que ata fai ben pouco semellaba confusa.

Death Stranding promete un futuro no que misteriosas explosións sacudiron ao planeta terra, desencadeando eventos sobrenaturais que lle dan nome ao videoxogo. Agora, a humanidade atópase ao borde da extinción e ten ante si un mundo pos-apocalíptico cheo de criaturas espectrais. Sam Bridges (Norman Reedus) terá que abrirse camiño polo páramo devastado e salvar aos humanos do exterminio.

O pasado 28 de outubro, Kojima Productions aproveitaba para anunciar que o videoxogo chegará tamén a PC no verán de 2020.

Pódeche interesar...
FKA twigs estrea ‘sad day’, novo adianto de MAGDALENE