'Dhogs', historia do cine galego

Dhogs é a ópera prima de Andrés Goteira. Pouco se pode dicir do argumento se non se quere esnaquizar a película máis aló de que parte da viaxe dun misterioso taxista. Está estruturado en tres capítulos e ten dúas localizacións: unha urbe que resulta ser a cidade de A Coruña e un deserto gravado en Almería, como outras tantas grandes obras cinematográficas. A nivel actoral conta con históricos do noso cinema como Antonio Durán “Morris”, Miguel De Lira ou María Costas.
O primeiro que se debe destacar é precisamente o concepto da urbe. No cinema galego é habitual ver as montañas do Courel ou o mar en loita constante contra as rochas. Remárcase o lugar onde se grava ou acódense a temáticas moi identificables do noso imaxinario colectivo. Dhogs escapa de todo iso, de feito intenta que A Coruña non sexa A Coruña, senón unha gran cidade. Sen máis. Pretende reflectir un lugar indeterminado. Foxe dese deixe máis tradicionalista para facer evolucionar ao cinema.
Dhogs non é para todos os públicos nin o pretende ser. É unha película dura, ás veces complicada de entender porque os diálogos están reducidos ao mínimo expoñente. Fálase con miradas. É unha hora e media onde o ollar ten un gran protagonismo. Xa sexa entre as figuras que aparecen en pantalla, como do espectador ao filme. Ou ao revés, quen sabe. Máis aló do que ocorre -cunha estrutura complexa que escapa do inicio-nó-desenlace- o máis importante é a mirada do público. Fai partícipe a quen mira e rexeita a quen ve. E o fai dende a crítica. A película reflexiona sobre quen somos e cara onde imos como sociedade. Amosa a parte máis turbia e sombría do ser humano. Dende logo, ninguén debe agardar sensacións agradables no momento de acudir a ver Dhogs.

A atmosfera que vemos é descoñecida en anteriores filmes galegos pero pode verse unha influencia moi clara de David Lynch. Por outro lado, vense pinceladas dos irmáns Cohen ou de películas como Lost in Traslation. Dhogs bebe de moitas fontes para crear un produto único cunha personalidade propia. Destaca o traballo na dirección de fotografía Lucía C. Pan, que cun presuposto mínimo é capaz de caracterizar á perfección o mundo que quere crear Dhogs. Sobre todo na primeira parte do filme. David Machado e Javier Pato foron os encargados do son, elemento sen o que non se entendería a obra. Xoga un papel fundamental na inmersión no escuro mundo que se plantexa.
Estamos ante un momento histórico do cinema galego. Esta é unha película da que se seguirá falando dentro duns anos. Tamén agardo que constitúa un cambio de tendencia e que esta clase de obras non teñan que facerse dende un punto tan baixo e con orzamentos tan limitados. Oxalá Dhogs sexa máis que unha viaxe en taxi cara a vangarda e constitúa un precedente e un impulso que outros autores saiban aproveitar como é debido.

Director: Andrés Goteira
Música: Germán Díaz
Guión: Andrés Goteira
Fotografía: Lucía C. Pan
Ano: 2017
País: Galicia
5
Pódeche interesar...
María Vázquez, Emma Suárez e Rita Azevedo, premios Cineuropa 2019