Diego Horschovski: “Se somos sensibles para a beleza das palabras, tamén o somos para calquera inxustiza”

Coñecín a Diego Horschovski xa fai case cinco anos. Era un recital de Poesía e Microrrelato Compostela, no emblemático Caldeirería 26, que xa pasou a mellor vida. Acababa de chegar á cidade e estaba ansioso por coñecer que me podía deparar a famosa vida cultural compostelá. Lembro que ese día había pequenos problemas co micro nese primeiro contacto con este home delgado e despistado ao que sempre lle acompaña o seu acento arxentino.

Se lembro a Horschovski -agardo escribir ben o seu apelido que sempre evito pronunciar- é con presa. Diego sempre ten proxectos, cousas e visións a futuro. Este encontro sitúase a poucas semanas do 23 de maio, onde no Teatro Principal de Compostela se celebrará a final da segunda edición do Poetry Slam Compostela, que xunto con outras persoas leva a cabo con moito esforzo. Reunímonos na cafetería que nalgún momento se chamou SCQ, pero que xa non se chama así.

Alí charlamos durante pouco máis de media hora -tras agardar uns quince minutos por el- cambiando as tornas, xa que fai anos neste mesmo lugar fun entrevistado para a Revista Lume, outro proxecto do que foi cocreador e que tamén tivo a desgracia de desaparecer. Parece que todo acaba no esquecemento aínda en medio da era dixital. Polo menos sempre quedará esa guitarra e o Quien Fuera de Silvio Rodríguez que o meu interlocutor tantas veces tocou nos micros abertos de Compostela.

Como xurdiu o Poetry Slam Compostela, do que xa vai rematar a súa segunda edición?

Dende hai catro anos organizo os recitais de Poesía e Microrrelato Compostela no casco histórico da cidade. No segundo ano pedinlle a Marcelo Saffores, escritor e editor, se podía botarme unha man na miña ausencia porque tiven que marchar uns meses a vivir fóra. O do Slam foi unha idea que se nos ocorreu hai xa case dous anos e lembro que nesa mesma conversa considerei que xa tiñamos que convocar a slammers que estivesen interesados en participar. Unha hora despois fixen a publicación nas redes na que buscabamos poetas para o evento: un cartel súper cutre feito cun rotulador cun filtriño. Durante o primeiro ano fixemos o evento entre os dous. El ocupábase da parte técnica de fotografía e da recollida das puntuacións, e eu da parte loxística, da prensa e de facer de mestre de cerimonias durante o evento. A dia de hoxe, e tras un gran crecemento do evento, coordino o staff do Slam que é máis amplo porque a situación o requiría. Neves Seara, Sheila Patricia e Peter Brea son os outros tres membros do equipo.

A ti que é o que te atrae do Slam a diferencia do formato de micro aberto clásico?

O Poetry Slam é un encontro no que se compite por acadar un lugar na final do circuíto estatal de España. Mais o carácter competitivo do Slam é simplemente unha escusa para encontrarnos a celebrar a poesía. Tamén hai que dicir que a xente que se apunta é moi boa e se prepara os seus poemas moi a consciencia. Entre as participantes hai perfís de todo tipo: Persoas relacionada coa actuación e a música, xornalistas, estudantes… Ademais o público ten unha participación activa ao votar o que lle pareceu cada poeta. Iso fai que todas as partes que veñen ao evento interactúen, e entón o resultado é moi divertido. Pero tamén hai xente que ven soamente a ver. O Slam é un lugar de liberdade e de diversión.

Ao longo deste tempo atopácheste con algunha actitude individualista por mor de que, en definitiva, se trate dunha competición?

O bo que ten o Poetry Slam é que se alguén ten algunha actitude individualista, as mesmas normas do evento non permiten que esa actitude poida romper a harmonía do grupo. O xurado elíxese mediante sorteo entre o público asistente e hai un tempo establecido de tres minutos como máximo para que cada participante dramatice os seus poemas.

É certo que, como en todos os grupos humanos, neste tamén hai egos, pero as votacións fanse á luz de todo o mundo -tanto de participantes como do público-, o que fai que non haxa marxe para que alguén destaque máis aló da lexitimidade que lle outorga o seu talento. Ao final o Slam é xuntarse a celebrar a cultura, e sobre todo, a cultura de base.

Celia Eiras

Ti que estiveches nalgún que outro Slam do Estado ademais do de Compostela, ves algunha diferencia clara entre o que hai en Compostela e o que hai fóra?

Nese sentido teño que dicirche que eu estou moi orgulloso de Santiago, e me explico. Como coordinador tiven que visitar outras cidades e falar con outras organizacións para coñecer as dinámicas e, sobre todo, para aprender de quen teñen máis experiencia. Xente moi boa e compañeira que me axudaron no que precisei. A sorpresa que levei é que en Compostela a xente apoia moitísimo a cultura de base, e que temos un movemento poético que medrou e se expandiu por toda a cidade e –sobre todo- que o nivel que hai en Santiago está á altura doutras cidades como Granada, Madrid ou Barcelona. De feito, a lucense Anita Nuñez Torrón-Stock, que foi unha das nosas finalistas en Compostela do ano pasado, foi a gañadora duns dos Slams de Lavapiés hai uns meses. As persoas finalistas deste ano están á altura de resto citas do Estado Español e de máis que preparadas para representar a Galicia.

Pensas que o Poetry Slam tocou teito por celebrarse a súa final no Teatro Principal, ou aínda pode facerse máis grande?

Se algo aprendín nestes anos é que un non pode facer prognósticos de case nada no que a Cultura respecta. Fai catro anos eu estaba cuns compañeiros na porta da facultade e ocorréuseme reunirme cuns amigos e amigas nun bar a facer poesía e non imaxinaba que iso puidera rematar así.

Nos últimos anos levei moitísimas sorpresas. Dende ver ateigada a praza de Feixóo con máis de duascentas persoas en silencio escoitando poesía ata ver como a xente que non é precisamente poeta interesouse por estes encontros. Creo que Compostela é unha cidade cun potencial marabilloso e que seguirá sorprendéndonos. Son sempre os tempos os que che marcan a axenda, os que che fan interpretar o que ocorre para seguir dinamizando a cultura.

O que si, incorporar o Teatro Principal fai que se perda un elemento: A poesía nos bares, un elemento presente nos teus proxectos poéticos.

Si. De feito a miña idea e que siga a ser así. Realmente se o facemos no teatro é por unha cuestión de aforo. Cremos que tamén é unha maneira de visibilizar a cultura de base nun lugar emblemático e sen necesidade de que as institucións sempre teñan o copyright da organización de eventos culturais. Isto o facemos todas: A organización, os slammers, o público asistente, a xente que se implica e ata os medios que dades difusión a estes encontros. O do teatro, en definitiva, é unha maneira de dinamizar todo isto nun espazo que non deixa de ser da cidade. O carácter underground segue a estar presente, pero nun lugar máis amplo.

Noutras entrevistas afirmaches que a filosofía, que foi o que ti estudaches na universidade, ten que ser unha disciplina ao servizo do colectivo. Pensas que a poesía tamén o ten que facer?

Si, sen dúbida algunha. Eu penso que tanto a poesía como a filosofía, e en xeral as artes e as ciencias, deben estar ao servizo do humano e do social. Entendo que haxa xente que teña outra opinión ao respecto. Pero eu creo que calquera tipo de expresión artística o filosófica é estéril se non axuda a pensar e sentir ao ser humano. Para min, como di o poema, a poesía ten que mancharse. Isto non significa que todo o tempo teñamos que facer poesía social, en absoluto. Un pode facer poesía intimista, confesional ou psicolóxica. Pero creo que neste feixe de dimensións, o social tamén ten que estar presente. Se somos sensibles para a beleza das palabras tamén o somos para calquera inxustiza no mundo, aínda que respecto outras opinións.

Cres que os contidos das artes dependen da clase social da que veña a autoría ?

Eu creo que as circunstancias materiais, de clase e sociais, inflúen no xeito de facer arte. E creo que tamén a nivel país. É dicir. Antes da crise económica non había tanta poesía social nin se falaba tanto de política, Nin na tele, nin nos bares, nin nas rúas. Agora hai moita crispación. Vímolo co 15-M, cos cambios no marco do Estado, coa xente que tivo que marchar, co auxe dos fascismos. Eu creo que todo isto fai que, sen ningunha dúbida, teñamos que pensar e sentir o mundo doutra maneira. Pero tamén hai que dicir que hai xente que vive nunha situación privilexiada e estable economicamente e aínda así é sensible a realidades alleas.

Eu veño da clase traballadora pero a dicir verdade nunca me faltou nada, e creo que soster unha mirada crítica do mundo e unha certa sensibilidade é moi importante. Cando un pensa na reforma laboral aínda que a un mesmo non lle afecte, por exemplo, está a pensar no grupo social no cal un está a desenvolver a súa vida. Se a túa veciñanza e as túas amizades están ben, ti estás ben. Porque un quere vivir nun sitio san onde os dereitos para unha vida digna estean garantidos. Iso o aprendín do feminismo, que puxo a vida no centro e que nos lembra que o persoal é político.

Celia Eiras

Indo precisamente polo tema da política, foron as eleccións xerais hai unhas semanas e ti nas redes animaches constantemente á xente a ir a votar. Por que consideras que é tan importante facelo?

Eu creo que o mellor que lle pode ocorrer á dereita é a abstención, porque a dereita sempre vota. Niso gáñannos. A esquerda, polo seu carácter crítico, sempre está máis fragmentada porque a súa natureza é a discusión. Ademais, moita xente non vota porque pensa que así dalgún xeito afecta ao sistema, pero ao sistema dálle igual a túa abstención. De feito o que quere é que, precisamente, non votes. Case non posuímos ferramentas para enfrontarnos a aqueles que non se presentan as urnas e toman decisións importantes para a xestión do país. O voto e das poucas que temos.

Ti naciches na Arxentina, e alí vivíchedes un xiro cara á dereita co goberno de Macri.

É indubidable que a dereita no mundo opera en conxunto e que os poderes económicos son os que mandan. Xa nin sequera o esconden. Actúan á luz de todo o mundo influíndo en decisións que deberían ser soberanas pero que a día de hoxe son transfronterizas. Bolsonaro en Brasil, Trump en Estados Unidos e unha longa nómina escura de líderes reaccionarios, autoritarios, xenófobos, e misóxinos. A época dourada de principios de 2000 en Sudamérica, onde había unha grande presencia de gobernos progresistas foi minguando. Houbo toda unha campaña internacional para acabar con iso. De feito, Macri gañou a través da campaña do medo. E a día de hoxe na Arxentina case non existen persoas que digan que alí se vive ben.

Volvamos ao tema da poesía. En moitas cidades hai encontros poéticos, mais en Compostela hai un grande compoñente de mocidade que noutros lugares non se atopa.

Eu creo que tiven moita sorte á hora de organizar eventos por vivir nunha cidade na que a Universidade está dentro do tecido da cidade. Polo tanto, gran parte da vida universitaria faise no centro histórico. Iso o que fai é beneficiar moitísimo a convocatoria e a participación en eventos.

Viviches en Polonia e en Italia. Pensas que para a nosa xeración é necesario cambiar de aires?

Eu creo que viaxar sempre é algo bo porque che da moita experiencia. Non sei se necesario, pero si que é beneficioso coñecer xente doutras culturas. Eu estiven dende Santiago de Chile a Istambul, e polo medio percorrín moitas cidades. Ver que hai xente dunha cultura diferente e que fala unha lingua distinta a túa, pero que lle preocupan as mesmas cousas que ti, é sempre algo moi bonito. Ademais de que todo o trámite de viaxar é precioso: O tren, o avión, as estacións, coñecer xente, perderte, compartir unha cervexa con xente doutras rexións do mundo.. Iso sempre é beneficioso.

Como di o poema: Teníamos veinte años y estábamos locos…

Exactamente. É así. Eu, persoalmente non cambio os trinta polos vinte porque sigo estando perdido, pero non tanto como antes (risas). Pero esa loucura de querer viaxar, de non pensar tanto as cousas e de perderse no mapa, non a perdo. Niso viaxar serviume moito para inspirarme. Viaxar fai ben para saír un pouco da cidade na que un vive, para oxixenarse un pouco e para saber como persoas doutros países enfrontan ás inquedanzas que ti tamén tes. Pero sobre todo para manter esa loucura sa.

Celia Eiras

Publicastes dúas antoloxías dos recitais de Poesía e Microrrelato Compostela. Non sei se tedes pensado publicar máis tanto dos recitais como do Slam.

Eu agora mesmo estou a moitísimas cousas: O Slam, os debates de Filosofía a Pé de Rúa, os recitais de Poesía e Microrrelato Compostela, unha novela que estou a escribir, un poemario, e unha revista que espero que vexa a luz pronto… Son moitas cousas! (Risas)

Xa que falas de Filosofía a Pé de Rúa, un proxecto que busca acercar cuestións filosóficas a xente de a pé, ata que punto pensas que a figura do divulgador é necesaria?

Eu creo que é fundamental. Entendo que moleste moito a algúns académicos, pero vivimos nun mundo no cal non todas as persoas poden dedicar moito tempo a estudar. Divulgar non ten por que ser algo pexorativo. Para min é unha invitación a que persoas doutras disciplinas ou que non teñen estudos poidan desfrutar dos coñecementos. Compartir as ferramentas intelectuais da civilización para min e moi importante. Eu creo que a nivel institucional o profesorado tamén tería que comprometerse a iso, e non soamente acordarse do social, e encherse a boca do beneficioso que son as ciencias para a comunidade, soamente cando algún ministro recorta en Educación.

Levas xa moitos anos en Galicia. Hai alguén que admires dentro da poesía galega?

Nestes anos coñecín moitísimas poetas, e se tivera que escoller a algunha sería Tamara Andrés. Tiven a oportunidade de ler toda a súa obra e de facerlle unha entrevista -que foi máis unha charla íntima- na que me falou de como se inspira, que lle fai escribir e na que falamos tamén sobre a vida. De feito elixín facer a entrevista con ela porque me gusta moito o seu traballo, e agradecido fiquei de que aceptara a proposta.

Pódeche interesar...
Google revela o catálogo de Stadia