Dios Ke Te Crew anuncian o seu regreso. Novo álbum na primavera de 2019

Mediante un comunicado nas redes sociais, Dios Ke Te Crew anunciaron o seu retorno aos escenarios e ao estudo tras sete anos dende o seu último LP, Humanose (2011). Os ordenses definían este regreso como a finalización dunha reclusión voluntaria e purgatoria, explicando que “todo ten o seu momento, e cada cousa o seu tempo…, hai tempo para calar e tempo para falar”.
O seu novo álbum, que a día de hoxe aínda non ten nome, verá a luz na primavera do 2019. Con este novo traballo os Dios Ke Te Crew volverán tamén aos escenarios, para o que xa están abertos á contratación. Ao contactar Balea Cultural con eles, comentaron que lanzarán adiantos para o novo disco a partir do mes de novembro.
Dios Ke Te Crew comezaron as súas andadas sobre os escenarios en 2003, froito da unión dos agrupacións de hip hop 5 Talegos, Ghamberros —ambos tamén grupos de Ordes—, Vandals Crew, Cousas Novas e Compostela Playmovil Kids. En 2006 lanzaron o seu primeiro LP, Xénese, e chegados a 2011 o seu último traballo de estudo ata o momento, Humanose.
Pódeche interesar...
Será esta a noite de ‘O que arde’?