Dragon Ball: Cando os heroes deixaron de ser invencibles

Dragon Ball supuxo un cambio no paradigma do shonen dos oitenta.

Antes da mitoloxía, dos saiyans e namekianos, dos deuses (en plural) e das transformacións xigantescas e continuas, as cousas eran moito máis simples. A historia de Dragon Ball empezaba entre dinosauros, robots, e cunha rapaza nunha procura e un neno que nunca vira a outro ser humano que non fóra o seu avó.

Dragon Ball xogaba cunha inocencia herdada do anterior traballo de Akira Toriyama, Dr. Slump, e tentaba estendelo máis alá. A inocencia de Arale era herdada polo protagonista, Goku: un neno gordiño cunha cola de mono e un bastón máxico, e a intelixencia da mesma era agora a chave sobre a que xiraba a personaxe de Bulma, quen en tantas ocasións salvaría ao protagonista con diversos inventos que lle axudarían a ir máis alá dos seus límites.

O primeiro invento que nos presentan é circular, entra nunha man e parece un reloxo, pero é moito máis: trátase dun radar que permite localizar as sete bolas máxicas, as cales ao reunilas invocarán a un dragón que concederá calquera dos nosos desexos. E unha desas bolas de dragón está en mans dese inocente neno, Goku, quen se unirá á procura para así comezar toda unha aventura.

O manga comezou como moitos outros antes de converterse nun dos xigantes do medio: en pequenas historias, moitas veces auto-conclusivas, Goku e Bulma viven algunha pequena aventura asociada ás bolas máxicas e no camiño coñecen personaxes curiosos, ás veces alongando a historia durante un par de episodios, e conseguindo algunha delas.

Dragon Ball #15 (Akira Toriyama)

A serie funcionaba grazas ás situacións de humor que a inocencia de Goku creaba en contraste co resto de personaxes e o poderoso que semellaba ante o resto dos que o rodeaban, pero sobre todo debíalle o seu éxito ao gran facer de Toriyama, quen deixaba en cada páxina chaves das dúas mellores cousas que sabe facer: ilustrar como poucos e compoñer páxinas de banda deseñada.

Na parte do deseño hai poucas dúbidas de que foi un éxito, pero se tentamos entender por que imos darnos máis respostas: Goku é redondo e pequeno, con cara incluso de parvo, contrastando co seu peiteado rematado en punta que mostra unha rebeldía innata; Bulma é alta e esvelta, pero a súa mirada decidida está chea de enerxía e perspicacia; o Mestre Mutenroshi é pequeno e curvo, mais as súas gafas de sol e a súa barba esconden máis dun segredo… E poderiamos continuar así con practicamente cada deseño dos personaxes principais, cada un definindo a personalidade deste dunha maneira poucas veces tan exacta.

Pero ademais de ser capaz de falar dende os deseños, Toriyama dominaba á perfección a creación de historias no seu medio, o manga. Crecido lendo os traballos de Osamu Tezuka, este foi padre do estilo que o creador de Dragon Ball conseguiu.

As viñetas de Dragon Ball son de todo menos estáticas. Entrelázanse, creando historias tan sinxelas de seguir cos ollos e marcando as velocidades nas que os actos pasan que parecen situarnos en primeira fila do ring dos Tenkaichi Budokais. E non só é que pasen cousas entre viñetas, senón que moitas veces en cada viñeta pasan tantas cousas que toda ese dinamismo é unha auténtica fantasía de ver. Toriyama domina os tempos e o movemento como poucos, e é isto o que fai que os cómics de Dragon Ball sexan impresionantes.

Dragon Ball #36 (Akira Toriyama)

A banda deseñada de pelexas non era, con todo, unha novidade. Cando Dragon Ball botou a andar, costoulle atopar un oco ante o arte hexemónico do shonen, representado por O Puño da Estrela do Norte e, en menor medida, por un aínda comezando a rodar Jojo’s Bizarre Adventure. O Puño da Estrela do Norte estaba protagonizada por Kenshiro, o discípulo máis novo do Mestre Ryuken, quen viaxaba por un mundo distópico sementando orde entre o caos. Tratábase dunha personaxe practicamente invencible, de faciana seria e dunha musculatura hipertrófica só conseguible tras vinte horas diarias de ximnasio.

Pero Dragon Ball era totalmente o contrario. A medida que a historia avanzaba, víase que Goku non era tan poderoso como parecía, e perdía combates ante rivais cada vez máis poderosos. Por isto mesmo, e aquí é a peza revolucionaria do xénero, o protagonista debía aprender dos seus erros, adestrar duramente e mellorar para afrontar os retos que tiña diante.

O punto de inflexión chegou alá polo número 53 da serie, que conta como remata a final do vixésimo primeiro torneo Tenkaichi Budokai entre o noso protagonista, Goku, e un ancián experto en artes marciais que vai baixo o nome de Jackie Chun, quen finalmente descubriríamos que se trata do mestre de Goku, Mutenroshi. Contra todo pronóstico, naquela final non gaña o protagonista, senón que perde na final tras esbozar un enorme sorriso.

Dragon Ball #143 (Akira Toriyama)

A día de hoxe pode resultarnos incluso absurdo que as derrotas puntuais non pase nun manga de shonen: Luffy non se converteu aínda no Rei dos Piratas, Naruto non se fixo Hokage nun día, e a Midoriya aínda lle quedan moitos osos que romper antes de chegar ao nivel de All Might, en tres exemplos rápidos. Pero cando Goku comezou… Non existía esta necesidade. Non se entendía algo así no medio. E dende ela, poucas series se atreveron durante tres décadas a buscar algo diferente. 

E nesa diferencia, tamén, Dragon Ball conseguiu encantar a xeracións e xeracións e conectar con elas como ningunha outra. Nun mundo no que todo semellan dificultades e caos absoluto, Goku ensinaba que está ben perder, aprender dos erros e mellorar. O manga de Dragon Ball evade dunha realidade dura cun estilo infantil, animado e humorístico, mais ao mesmo tempo inspira a seguir na vida real.

O tempo pasaba. As musculaturas hipertróficas pasaban cada vez máis de moda, e unha nova vangarda no shonen era protagonizada por Akira Toriyama. En 1988, catro anos despois do comezo de Dragon Ball, remataba O Puño da Estrela do Norte. Daquelas, Dragon Ball levaba xa 13 volumes publicados, e Goku era xa un dos personaxes máis queridos do país nipón.

A evolución do personaxe, as derrotas inesperadas, as sorpresas e unha das lecturas máis entretidas foron os elementos sobre os que xirou Dragon Ball. E todo isto foi explotado en maiores medidas cinco anos despois de novo por Toriyama, cando se engadiu unha Z ao nome do título e, xunto a ela, terrores nunca antes vistos no universo. 

Pódeche interesar...
Conta atrás para unha nova edición do WOS