Dragon Ball e Akira Toriyama, 35 anos de influencia indiscutible

Recordo que, cando era neno, unha de tantas veces que subín ao autobús para ir ao colexio a xente non podía falar de outra cousa. Simplemente Dragon Ball Z. Son Gohan acababa de converterse en Super Saiyan 2 tras a morte do Androide 16 e acabara con Cell nunha batalla épica entre o ben e o mal.

Poucas cousas se me ocorren ademais desa escena -e outras moitas outras de Dragon Ball- que estean no imaxinario colectivo das xeracións que foron nenos nos noventa. O feito é que se ben lembramos moitas outras series de animación, non hai ningunha que nos faga cantar como aquel “atravesei unha nube brillante” co que empezaba o opening galego de Dragon Ball Z e que televisaban na TVG.

Dragon Ball foi un choque tremendo para toda unha xeración. Foi para moitos o primeiro contacto real co shonen, ese tipo de manga dirixido a adolescentes que tantas outras series de animación xaponesas míticas trouxo ata o día de hoxe como One Piece ou Naruto, mais alén diso, tamén foi un primeiro contacto co anime que deixou unha marca inesquecible e duradeira.

Con máis de 300 millóns de copias vendidas, o manga de Akira Toriyama é a segunda obra de banda deseñada máis vendida da historia, soamente perdendo a batalla dos mercados contra One Piece, a cal está lixeira e directamente inspirada pola primeira.

Dragon Ball, lanzada antes de Dragon Ball Z e ambas sucedidas por Dragon Ball GT —na animación— e Dragon Ball Super —na animación e na banda deseñada— é aínda a día de hoxe un dos mangas máis influentes de todos os tempos. É capaz de crear unha fascinación ata absurda en todas as idades, entendida por millenials e xeracións posteriores de maneira diferente, mais sempre moi querida e xamais esquecible.

Chegaba pouco despois de que Toriyama serializara o seu primeiro pequeno éxito, Dr. Slump, un manga tamén cualificable como shonen que contaba as desventuras da pequena Arale Nominaki, unha rapaza cunha forza e intelixencia incribles e de personalidade enérxica. Os episodios de aquel Dr. Slump recordarían a día de hoxe máis a unha tira cómica un pouco longa que ao que chamamos hoxe en día shonen, con episodios autoconclusivos e con máis humor do que moitas veces parécese estar disposto a aguantar.

Con todo, así empezou tamén Dragon Ball, e con el as aventuras de Goku, un rapaz de oito anos con cola, e Bulma, unha rapaza de cabelos azuis e unha intelixencia sen igual. Ambos ían na procura das sete bolas máxicas, das cales se dicía que se as xuntabas todas aparecería un dragón chamado Shenlong que faría os teus desexos realidade.

Pouco a pouco, e durante moitos anos, a serie iría aumentando o seu grao de popularidade, tendo unha base fan cada vez maior e madurando de moitas maneiras diferentes o seu contido, cambiando polo camiño o debuxo, os deseños dos personaxes e os temas tratados e a maneira de abordalos. Toriyama avanzou xunto á serie, e tamén é innegable cantos cambios el mesmo introduciu na súa obra polo simple feito de que esta os necesitaba, cambiando polo camiño todo o que se sabía do manga e creando unha escola de influencia sen a cal nos sería imposible sequera pensar a inmensa maioría de mangas e animes que coñecemos a día de hoxe.

Shonen Jump e Toei Animation mimaron dende un principio as series, asociando a ambas xa non só o nome de Akira Toriyama senón tamén os de xente como Minoru Okazaki, Daisuke Nishio, Takao Koyama, Shunshuke Kikuchi ou, e en últimas datas, Toyotarou, quen quixeron tanto ou case tanto coma o autor orixinal á obra protagonizada por Goku.

Vista en perspectiva, tal vez Dragon Ball teña un compoñente nostálxico máis grande que moitas outras obras de manga e anime que coñecemos, e tal vez isto faga que non sexamos capaces, ou que nos custe máis do normal, analizar de maneira crítica unha obra que marcou tantas e tantas infancias e que é capaz de seguir facéndoo. A día de hoxe é aínda típico ver a xente cantar as súas cancións ou debater sobre que letras que acompañan a “Dragon Ball” no título son mellores ou cales peores. Do que hai dúbidas é que poucas obras máis poden permitirse o luxo de algo así.

Pódeche interesar...
‘Ad Astra’, unha resposta a ‘2001’ cos pés na terra