Dragon Ball GT e Dragon Ball Súper: Consecuencias do fenómeno fan

Chegados ao ano 1996, momento no que remata Dragon Ball Z, a lenda xa estaba forxada. A obra de Akira Toriyama era das máis lidas da historia do manga e tamén dos animes máis cotizados do mundo. Destacaba entre as demais, como nos oitenta fixo a película Akira e como nos dous mil faría A Viaxe de Chihiro.

O final da obra foi un golpe para moitos. Que esa serie á que tanto deches e coa que tanto desfrutaches, que foi capaz de marcarte como ningunha outra, chegara ao seu fin, é algo do que custa recuperarse. E non só lle custou aos fans deixala marchar, tamén a Toei. Así naceu Dragon Ball GT, o primeiro intento para alongar un fenómeno fan como poucos ata outro nivel.

Dragon Ball GT foi, dende un principio, unha aposta arriscada para o estudo de animación. Buscaban manter unha base fanática enorme, pero ao mesmo tempo conseguir novos adeptos ás aventuras de Goku e compañía. Como? Volvendo a facer a Goku, aquel heroe co que creceron tantos, neno de novo. E ese foi o erro principal, e polo que tanta xente se baixou do carro: Tras crecer con Goku, a experiencia que sintes desaparece en GT dende o primeiro momento por falta de empatía cara quen madurou contigo.

O problema non foi soamente ese, mais si o primeiro de moitos. Dragon Ball GT non só apostou por rexuvenecer ao heroe, senón que tamén cambiou o estilo da serie, afastándose na primeira parte da serie daquela “Z” para recuperar o espírito da súa predecesora, mediante pequenas aventuras en 20 minutos nas que Goku, Trunks e Pan visitarían tantos e tantos planetas buscando as bólas máxicas.

Como xa vimos, o motivo polo que Dragon Ball comeza a ter fanatismo e a convertese unha obra destacada non é nese humor episódico, senón cando tenta chegar a algo descoñecido no manga shonen como foi a evolución dos heroes a través da superación dos personaxes. Unha vez se lle arrebata este factor a unha serie derivada, ese traballo resulta demasiado diferente, tanto que botou fora da nova viaxe a moitos.

Para máis inri, as historias contadas non tiñan nin a maxia nin a calidade do proxecto orixinal. Moitas incluso eran auténticas parvadas nas que os personaxes, tan poderosos, púñanse a si mesmos en situacións absurdas que tiñan que solucionar con celeridade para continuar a viaxe.

Á metade da serie, nun intento de centrar o material e recuperar audiencia, os personaxes protagonistas de GT teñen que afrontar un novo reto, Baby, quen fai que pareza que a obra recupera o espírito da “Z”. E, se ben a introdución deste novo inimigo é boa, é despachado dunha maneira máis sinxela do normal, cunha transformación en Super Saiyan 4 de Goku que non busca unha evolución, senón un deseño bonito co que o público adulto poida empatizar.

Algo a ter en conta en GT é que, ademais, foi a primeira obra na que non se contou con Akira Toriyama detrás aos mandos. Sen material no que basearse, os membros de Toei entraron nun libre albedrío que non lles levou a ningunha parte. Dragon Ball GT rematou sen pena nin gloria, e se ben a día de hoxe podería desfrutarse ao vela, non ten ningunha das cousas que volveron máxica ás súas predecesoras.

Polo menos sempre nos quedará este temazo.

Pasa o mesmo, aínda que por razóns diferentes, cunha obra de máis actualidade e coa que si que conta con Akira Toriyama, polo menos facendo os deseños dos personaxes e dando pinceladas á historia. En 2015 chegou Dragon Ball Super prometendo unha viaxe inesquecible de novo: a serie poríanos soamente oito meses despois da derrota de Buu, cos personaxes de tantas infancias de novo reunidos tal e como os recordabamos, pero… Non funcionou.

É estraño, porque se ben o público pode desfrutar da serie pola morriña que se pode sentir ao redor de Dragon Ball, case todo aquelo que volveu revolucionaria á serie deixou de existir. Hai algúns deseños encantadores, mais algúns parecen reciclados unha e outra vez. As evolucións dos personaxes deixaron de ser tan especiais, e nin anime nin manga conseguen destacar.

Por unha banda, o anime de Dragon Ball Super chegou nun dos peores momentos da historia en relación ao estudo de Toei. Non se trata de que estea a piques de pechar, nin moito menos, é un dos estudos de animación máis importantes do mundo. O que ocorre é que, dende fai demasiado tempo, se por algo destaca Toei é por abaratar custos na animación todo o que pode non, o seguinte.

Pola banda do manga, desapareceu o autor orixinal do mapa pasándolle o relevo a Toyotaro, famoso polo seu traballo en Dragon Ball AF, un fanfic da obra de Toriyama. E Toyotaro inténtao, e moi forte, mais… Os seus momentos máis fantásticos non deixan de ser en momentos nos que máis copia a Toriyama, e a súa composición de páxinas é tan estática que está a anos luz do que encantou de Dragon Ball e Dragon Ball Z.

A relación entre ambos, ademais, é menor do que cabería esperar. Ambas obras están relacionadas, repiten personaxes e situacións, mais hai moitos cambios dunha a outra. Incluso ás veces resulta difícil seguir o manga sen ver contido das películas que botaron nos cines dende 2015. Non se tratan de obras completas que funcionen por si soas e levan consigo erros demasiado grandes.

Dragon Ball Super (Toyotaro) | Dragon Ball (Akira Toriyama)

Dragon Ball Super, con todo, si que recolle ese fenómeno de superación que tivo Z, sendo máis unha prolongación desta obra que un traballo diferente e novo. Os personaxes volven adestrar para afrontar novos e máis difíciles retos, recuperando o espírito da serie orixinal, mais ao mesmo tempo sendo incapaz de crear algo novo na saga.

Onde máis se nota que xa non estamos ante aquel Dragon Ball tan fantástico é no deseño de personaxes. Os inimigos, se ben ás veces si mostran eses deseños orixinais, moitas outras veces —tal vez demasiadas— son refritos do que xa coñecemos, cambiándolle a cor a algún peinado ou facendo que un personaxe que xa coñecemos chegue dunha realidade alternativa na que é malvado.

Dragon Ball creou un fenómeno fan ao seu redor inabarcable para calquera obra. Sedentos de máis, tentouse cubrir as necesidades do público de mil maneiras diferentes sen conseguilo nunca. As fórmulas do orixinal continuaron, en maior ou menor medida, en Dragon Ball Super. Con todo, o mundo seguiu xirando, e Dragon Ball xa non é o rei.

Nestes últimos anos, o mundo do shonen percibiu cambios a ter en conta. Os personaxes e a maneira de relacionalos están cambiando e series como Dragon Ball ou One Piece son xa as últimas pantasmas dun mundo que está preparándose para un novo paradigma.

Pódeche interesar...
Coldplay – Everyday Life