Dragon Ball Z: Tensión ante o imposible

E, entón, chegaron os anos noventa e os dous mil, e con eles unha auténtica revolución tecnolóxica. Televisores e ordenadores inundaban cada vez máis e máis fogares de occidente, e con eles viñan series de animación e videoxogos como Final Fantasy, Pokemon, Digimon, Sailor Moon, Reena e Gaudi, e a medida que creciamos e os anos pasaban buscabamos cada vez máis estas cuestións no fogar ou nos míticos ciber cafés, vendo AMVs (Animated Music Videos) cos nosos amigos onde saían os nosos personaxes favoritos acompañados de música de Sum 41, Linkin Park ou Evanescense.

Pero, como non, había unha serie que continuaba a destacar. Dragon Ball, agora estilizada como Dragon Ball Z, era o produto máis popular das televisións en horario infantil e pasabamos horas e horas falando de como Goku ou Son Gohan derrotaran a este ou a aquel inimigo. Máis que o resto, porque incluso os máis maiores das nosas familias que se criaran coa obra sen a última letra do abecedario preocupábanse de inculcarnos os seus mesmos fanatismos.

Pero, por que nos gustaba tanto Dragon Ball Z? Por que, de todo aquelo que podiamos ver na televisión, perdiamos horas e horas coas aventuras de Goku e os seus amigos e familiares? Porque, entre todo o que había, Dragon Ball Z continuaba a ser diferente.

Tal vez desta vez poida chamar a atención que, a diferencia de no anterior apartado desta retrospectiva, decidimos centrarnos de cheo nas cuestións de animación en canto de falar do manga de Akira Toriyama, que tamén continuaba a existir, mais se ben falaremos disto tamén nas seguintes liñas é preciso destacar que, na meirande parte dos fogares occidentais, o manga non foi realmente unha maneira de introducir elementos culturais habitual.

A día de hoxe, recomendar o anime de Dragon Ball Z, aquel que vimos fai tantos anos, sería un auténtico suicidio. Aquela obra, escrita con todo o cariño do mundo por Takao Koyama, encargouse de facer que as personaxes daquel xa máis que famoso manga tiveran unha vida incluso máis completa do que Toriyama pensara, aumentando os contextos dos personaxes e dándolles razóns para vivir e loitar a niveis que chegaban moi fondo. Con todo… Estamos falando dunha obra de 291 episodios, xunto a 16 filmes —14 naquela época, e dúas máis neste mesmo século— que están cheos de recheos parvos e abaratamentos nos custos de animación.

Chegados a 1989, con dezaseis volumes ás súas costas, Dragon Ball Z naceu. Era unha necesidade do propio manga por varias razóns: primeiro, un público cada vez máis adolescente e con ganas de máis; e segundo, unha necesidade da propia historia de responder incógnitas e permitirse que a trama puidese avanzar de maneira máis esvelta. Ante isto, Akira Toriyama tomou a decisión de que Goku, aquel neno redondo, afiase as liñas coas que estaba debuxado non só no seu peiteado, senón tamén en todo o seu corpo.

Para moitos, de todos modos, o atractivo non estaba nunha madurez explícita do que anteriormente viran. Só a rapazada máis adulta coñecía estas historias anteriores, e unha nova xeración atopouse de fronte cunha chea de situacións e personaxes novos —pero que conservaban todos aqueles deseños fantásticos— que se xa de sobra resultaban atractivos, con toda a novidade que traería a nova serie sería algo impresionante. A falta de información resultaba mística, e chamábanos a querer saber máis.

A madurez de Goku revelaba algo máis: aquel neno, agora xa adulto, precisaría de maiores retos para que a súa historia se puidera manter no tempo, e é que na Terra xa non había inimigo que fora capaz de facerlle fronte. Co cal, os inimigos debían de vir de fora, e así naceron os Saiyan.

A raza Saiyan, provinte do Planeta Vexeta, era unha raza de combatentes orgullosos nacidos por e para poñerse a proba en batallas e guerras. Adoraban loitar e demostrar que eran os máis poderosos. Algo así como… o noso protagonista, pero en sádico.  

Os deseños cambiaron para adecuarse á nova época. A idade pasou para todos, e se ben aínda conservaban as características que os fixeron tan sinalizados, os seus corpos xa non eran redondos, nin as liñas que os debuxaban tan curvas. Agora os protagonistas eran musculosos, máis grandes, e ás veces impresionantes.

Os seus poderes, tamén, eran maiores. Se antes unha Kame Ha Me Ha era algo excepcional, agora todos lanzaban bólas de lume polas mans, no anime aproveitando isto ademais para darlles cores diferentes e vistosas. Voaban e tiñan coreografías de combate que facían que abrísemos os ollos alucinados ao ver como chocaban contra montañas e destruían todo ao seu paso.

Os inimigos, anteriormente difíciles pero factibles, eran substituídos agora por perigosas ameazas, cada vez dun poder máis descomunal. Os deseños destes eran cada vez máis alucinantes e diferentes. Custaba semanas, meses, centos de viñetas e decenas de episodios rematar con eles. Eran practicamente deidades que puñan ao límite a todos os personaxes unha e outra vez e que en máis dunha ocasión cobraban as vidas dos nosos protagonistas.

Non había, tampouco, moito así. Lonxe da animación xaponesa, o resto que chegaba ás nosas pantallas contaba con malvados estándar —como nas Tartarugas Ninja ou os Power Rangers—que perdían unha e outra vez cada batalla ao rematar os 20 minutos de duración do episodio, sendo totalmente oposto ao que estabamos a ver en Dragon Ball Z.

Con todo, isto tiña os seus menos, tamén. As aventuras de Goku e os seus amigos, moitas veces cheas de vida e de humor, eran agora substituídas por longas tramas de combates entrelazados onde soamente este pánico pola tensión creada era o noso motor para continuar vendo as series. A batalla era a autopista pola que circulaban os heroes, sendo esta a única maneira na que a historia podía vivir, construíndo a identidade destes. Aqueles que seguiron a Goku dende neno, sentían respecto e admiración cara el. Os que, como Goku, formaban parte dos chamados saiyans, tiñan unha armadura de guión que os definía como, simplemente, loitadores natos.

Por outra banda, se ben aquel afán de superación continuaba, pronto o adestramento duro e continuado non demostraba ser suficiente para acabar cos rivais. O manga engadiu transformacións aos personaxes para que, en momentos de gran emotividade ou tensión, chegaran a un punto máxico máis alá do establecido, creando Toriyama polo camiño un dos elementos máis famosos do manga actual: o power-up coñecido coma o Super Saiyan.

Con todo, os Saiyans non eran os únicos en transformarse, e os seus inimigos tamén o facían mais dunha maneira diferente: a empatización cos inimigos resultaba imposible, pois as súas evolucións nunca tiñan que ver coa superación persoal, senón simplemente cambiaban de forma aproveitándose do poder doutros ou, sen máis, transformábanse.

De maneira estritamente artística, en Dragon Ball Z Toriyama consegue algo que non conseguira en Dragon Ball, e é levar o seu estilo propio ao límite e dar a súa mellor versión. Non é simplemente que en certos momentos demostre os seus picos de calidade, senón que pode conseguir que páxinas e páxinas continuadas movan os nosos ollos pola acción do combate dunha maneira na que o seu debuxo desprende épica por cada costado, onde incluso cada onomatopeia é parte da historia e cada pequena liña marca a velocidade de movemento dos personaxes.

Dragon Ball Z #128 (Akira Toriyama)

Este feito desenvólvese cunha destreza inigualada no arco de Namek, o mellor da obra, onde non soamente os deseños de personaxes e paisaxes son de dez, senón que cada batalla ten algo que nos fai sentir tensión… Salvo as presentacións desas transformacións faladas anteriormente, que teñen un resultado demasiado suave. Mellorará este último feito, con todo, nas presentacións das transformacións no arco dos Androides, onde cada transformación resulta, simplemente, fantástica para os ollos.

Un dos elementos máis característicos de Toriyama, e sobre o cal sentou tamén cátedra, foi o feito de rodear aos seus personaxes dun aura visible que delimitaba e mostraba o seu poder. A través deste recurso, o autor era capaz de crear movementos dentro e fóra das viñetas que podiamos seguir simplemente seguindo a enerxía que os personaxes desprendían, aportando un dinamismo orixinal e fantástico.

Se ben Toriyama mostra o seu mellor momento nos anos máis doces da saga, a medida que o tempo pasa verase na súa obra un esgotamento cada vez máis palpable, sendo drástica, incluso, a perda de calidade de debuxo e composición ao chegar á saga de Buu.

A pesar dos erros e do cansancio, Akira Toriyama asentou en Dragon Ball Z un traballo comezado nas primeiras fases da súa obra, e que resultou defininte para xeracións e xeracións de novos mangakas que tentarían reproducir o seu éxito. Hunter x Hunter, Yuyu Hakusho, Naruto, Bleach ou One Piece serían inexplicables sen Dragon Ball Z, só conseguindo Eiichiro Oda crear un movemento no país nipón capaz xa non só de facerlle fronte, senón de incluso superalo.

Pódeche interesar...
O Irlandés: Por Favor Scorsese, non morras nunca!