Esposa volven dous anos despois… e por partida dobre!

Os EP's 'Belo Horizonte' e 'É o que hai' xa están dispoñibles

“No momento en que as cousas non poden ser como queremos, temos que facelas doutra maneira”. O texto co que Esposa presentan os seus novos traballos, os EPs Belo Horizonte e É o que hai, empeza co que pode ser tanto unha escusa como unha declaración de principios.

Nos últimos dous anos o grupo estivo practicamente inactivo por ter deixado de vivir na mesma cidade, pero as cancións que saíron dese tempo de pausa recollen a dúbida vital para documentala e atopar alegría no proceso, en catro cancións propias (as que compoñen Belo Horizonte, tres delas xa aparecidas en compilacións) e catro adaptacións libres ao galego de The Feelies, Yo La Tengo, Billy Bragg e The Modern Lovers (recollidas en É o que hai).

Os dous EPs recollen en parte a influencia deses referentes, cunha sensibilidade pop pero sen medo ao barullo nin interese por facer exercicios de estilo. O son continúa sendo o que Esposa xa desenvolveran en Xardín interior: o centro son as melodías pero non teñen problema en achegarse ao punk (pola velocidade ou polo ruído) e ao dream pop (polos teclados atmosféricos), aportando novidades como un toque tropicalista de “Belo Horizonte” ou as tormentas eléctricas de “Ohm” e “Pablo Picasso”.

Pola parte das letras, o espírito é o dun pop postadolescente: “non é que queiramos seguir sentíndonos novos; é que as condicións sociais non nos deixan medrar de todo”, explica a banda. Nestes dous traballos gañan peso os conflitos relacionados con facerse adulto, como a emigración, o traballo ou as relacións. 


Os dous discos, producidos por Bobby G. a excepción dunha canción, aparecen por agora en edicións dixitais, e están dispoñibles para escoitar no Bandcamp de Esposa e as principais plataformas de streamingBelo Horizonte conta cunha portada da ilustradora galega Camila Viéitez, mentres a de É o que hai corre a cargo da integrante da banda María Villamarín. Hai uns meses o grupo adiantara xa o videoclip dirixido por Pepa Prieto Puy e Gael Carballo para “Nube branca”, un dos temas incluídos en Belo Horizonte. Cando sexa posible, presentaranse en directo.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.