FKA twigs – MAGDALENE

O segundo álbum de longa duración da cantante británica é o seu traballo máis persoal e un dos mellores discos publicados este ano

Fecha de lanzamiento
8 Novembro, 2019
Discográfica
Young Turks
Xénero
Art Pop
A nosa puntuación
9.6

FKA twigs entrou no panorama musical pola porta grande. Seu primeiro LP, lanzado en 2014, foi un dos debuts más destacados desta década que xa está chegando a seu fin. Tras un par de EPs previos, a cantante británica saltou ás listas de reprodución de todo o mundo cunha proposta tan artisticamente coidada como atractiva onde destacaba unha abraiante produción que envolvía a súa delicada voz.

Un ano despois da publicación do seu primeiro disco, chegou un novo EP. O fascinante M3LL155X, que afondaba na proposta xa plantexada, acompañándoa dunha elaborada curtametraxe musical. Semellaba que FKA twigs non tiña ganas de baixar o ritmo, e con todo chegou o gran parón. Dende o 2015 en diante non puidemos escoitar nova música da británica. Cada ano había rumores de que continuaba a traballar nun novo disco, pero o tempo pasaba e éste non chegaba.

A espera rematou o 24 de abril deste ano, cando por fin viu a luz Cellophane, o primeiro adianto do segundo disco de FKA twigs, MAGDALENE. Nunha primeira escoita, Cellophane podía parecer lixeiramente decepcionante. Cun son máis orgánico e unha produción máis sinxela, esta canción pode chegar a parecer unha certa involución respecto á obra previa da británica, porén, tras varias escoitas vai quedando descuberta a enorme emoción e honestidade que se esconden detrás desta música. E co resto do disco acontece algo semellante.

MAGDALENE é o traballo máis persoal de FKA twigs, onde a cantante fala sobre o desamor e a perda de control sobre unha instrumentación coidada ao detalle, na que se mistura o orgánico co electrónico e se foxe das estruturas do pop, como ocorre na canción que abre o disco, thousand eyes, marcada polo seu pausado e delicado inicio que pouco a pouco vai mutando cun constante e catártico crescendo que conduce á mais agresiva home with you, un tema que destaca pola voz modificada de FKA twigs.

O tramo central de MAGDALENE é o máis enérxico de todo o disco, que chega ao seu punto más forte no final de mary magdalene e na potente fallen alien. Tamén hai oco para momentos musicalmente máis convencionais como a melódica sad day ou a aproximación ao trap de holy terrain xunto a Future, unha das cancións máis accesibles do álbum pero tamén das menos interesantes.

A principal razón que fai deste disco un traballo tan especial é a vulnerabilidade que amosa. A música de FKA twigs leva sorprendendo dende hai anos, porén desta volta a británica conseguiu facer das súas melodías o medio perfecto para poder facer sentir con forza as emocións que buscaba transmitir con cancións como cellophane, que pecha este segundo disco de estudo.

Foron moitos anos de silencio no plano musical por parte de FKA twigs nos que a artista de Gloucestershire, tras a fama lograda co seu primeiro disco, viviu unha relación desas que tanto chaman a atención dos medios de comunicación co actor Robert Pattinson seguida dunha ruptura. A cantante tamén revelou que durante este tempo extirpáronlle ata seis tumores do útero. Non foron anos fáciles, e esto pódese percibir na súa música, que por momentos chega a resultar tan sobrecolledora como fascinante, conformando un dos mellores discos lanzados este ano.

9.6
Pódeche interesar...
Mirror, o labirinto que temos nas entrañas