‘Furiosa’ buscará revitalizar a escena electrónica viguesa

Furiosa é o novo proxecto impulsado por Maison Ruína e Pálida, e contando coa colaboración de Radar Estudos e o Club Mondo, un novo club de música electrónica en Vigo.

Coa intención de revitalizar e diversificar a escena electrónica da cidade, Furiosa buscará ofrecer unha programación que aposta pola electrónica de baile na súa vertente máis hipnótica, emotiva e elegante. Nela terán cabida propostas locais e foráneas, directos e dj sets, músicas pasadas, contemporáneas e futuras.

A primeira edición Furiosa terá lugar en tres espazos ao longo do día 21 de Decembro. A xornada arrincará ás 12:00 horas con entrada libre en Radar Estudos, con dj sets de Slave Of Phase (aka Erreome) e Yugen Kala (antigos Electric Feels), que achegarán aos asistentes con sesións que transitarán as sendas do downtempo e do ambient para proporcionar unha suave entrada ao transo.

Tras un descanso dunha hora a actividade renovarase ás 17:00 na Sala Radar. Alí Mou. (membro do colectivo ourensán Dial e de Must Be On Wax Records) exhibirá as súas artes e bo gusto aos pratos nun dj set de dúas horas que dará paso ao directo de Lagoon (Several Roots Records), que traerán a Vigo por primeira vez os seus estalidos melódicos e aterciopeladas texturas. O broche de ouro á velada porao Diskoan, veterano da escena madrileña e membro fundador de A_mal_gam_a. Os seus máis de 20 anos de experiencia como dj e o seu incansable labor como promotor cultural avalan unha traxectoria que retratará nunha viaxe de 3 horas no que a emoción guiará o peche da velada.

Para os que sigan con ganas de baile, a entrada de Furiosa tamén permitirá o acceso ao Club Mondo (até completar aforo), onde dende as 03:30 horas haberá un set do dj Residente e a partir das 04:30 dunha nova sesión de Diskoan, que sacará a relucir facetas alternativas dos seus vastos coñecementos musicais para pór a pista en chamas.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.