Celia Eiras

Godspeed You! Black Emperor a 24 fotogramas por segundo

Novembro é o mes do cine en Santiago de Compostela. Dende hai máis de tres décadas a capital galega pasa esta época do ano entre proxeccións de películas chegadas de todo o mundo en distintos espazos da cidade grazas ao festival Cineuropa. Desta volta, o pasado 11 de novembro as proxeccións tamén chegaron á Sala Capitol, pero non se tratou dunha actividade programada por este festival de cinema, senón dun concerto de Godspeed You! Black Emperor.

A noite comezou coa actuación dos teloneiros Light Conductor, o dúo conformado por Stephen Ramsay e Jace Lasek, acompañados por Olga Goreas que se subiron ao escenario da Sala Capitol para facer soar os seus sintetizadores analóxicos para dar forma a texturas oníricas que foron evolucionando de maneira pausada ao longo do seu set. A actuación de Light Conductor axudou a preparar o ambiente para a aparición de Godspeed You! Black Emperor, se ben o cambio dos sintetizadores polas guitarras distorsionadas no último tramo do set de Light Conductor semellou un pouco fóra de lugar.

Unha vez concluída esta introdución, chegou o momento de Godspeed You! Black Emperor. A banda de Montreal (Canadá), un dos grandes referentes do post-rock nas últimas décadas, saiu á escea ante unha sala ateigada sen buscar chamar moito a atención, baixo unha iluminación moi suave, marcada pola cor vermella.

En lugar de arrancar cunha melodía recoñecible, ou cun ritmo marcado de batería, a banda comezou explorando as distintas texturas e timbres dos intrumentos que os oito membros que se atopaban sobre o escenario, dende as guitarras eléctricas, os violíns, o contrabaixo acústico e baixo eléctrico e a percusión nunha peza chamada Hope Drone.

Godspeed You! Black Emperor adicaron a maior parte do setlist a repasar algunhas das súas composicións máis recentes. Seu último disco de estudo, Luciferian Towers, foi publicado en 2017 e del pudiéronse escoitar pezas como Bosses Hang ou Anthem for No State, que no contexto do directo, e nunha Sala Capitol que destacou polo seu bo son, gañaron unha nova dimensión, que se viu todavía máis amplificada polas imaxes proxectadas sobre o escenario dende a parte superior da sala.

A música de Godspeed You! Black Emperor non destaca por ser especialmente accesible e sen embargo a Capitol encheuse un luns para escoitar as composicións dos canadenses. As súas pezas instrumentais de longa duración semellan cancións en construción que pouco a pouco van sumando elementos ata chegar a un clímax onde todos os motivos, timbres e ritmos entran en conxunción dunha maneira case catártica.

Despois de centrarse no seu material máis actual, Godspeed You! Black Emperor pecharon concerto con Blaise Bailey Finnegan III, a segunda canción de Slow Riot for New Zerø Kanada o primeiro EP lanzado pola banda en 1999, un ano antes de publicar o seu clásico Lift Your Skinny Fists Like Antennas to Heaven do que non interpretaron ningunha canción.

Tampouco foi necesario. A gran banda que se atopa detrás dun disco así estivo completamente presente durante as case dúas horas de concerto nas que cada peza soou todavía máis viva que nas súas versións de estudio. Incluso Blaise Bailey Finnegan III foi todavía máis impactante en directo, cun final moito máis enérxico que o da súa gravación orixinal que desembocou no ruido absoluto mentres os membros da banda abandoaban o escenario entre os aplausos do público.

Pódeche interesar...
O Cineuropa bota a andar nunha gala deslucida polos problemas técnicos