É perigosa a ideoloxía de Joker?

O filme de Todd Phillips pon o foco na loita de clases para dar unha nova orixe a Batman e o paiaso asasino nunha Gotham abocada ao desastre

O filme Joker de Todd Phillips deu moito que falar. Desta película díxose que incitaba á violencia e mesmo que se trataba dun manifesto incel. Mesmo antes da estrea da película escribíronse páxinas e páxinas de debates nas redes sociais que, unha vez comezaron as proxeccións, quedaron en boa medida obsoletas.

Resulta ata certo punto absurdo que un filme como Joker poda incitar á violencia máis que calquera outra película calificada R ou +18. Feitos como a vixiancia policial nos cinemas estadounidenses que proxectaban a película soamente é unha mostra máis do estado de paranoia constante que se vive dende hai xa uns anos en Norteamérica.

Por outra banda, se ben é certo que aquelas persoas que se autodenominan incel poderían atopar certos elementos cos que se identificar no personaxe interpretado por Joaquin Phoenix, o filme non se posiciona en ningún momento de maneira explícita neste sentido, polo que sería inxusto e irresponsable culpalo.

Porén, a loita de clases está moi presente no Joker de Todd Phillips, e a pesar de todo, pouco se debatiu nas redes da ideoloxía detrás desta película (a excepción de comentarios como os de Michael Moore), cando é canto menos complexa. Todd Phillips adica boa parte da metraxe de Joker a amosar a vida de Arthur Fleck nunha Gotham dos anos 70 moi similar á Nova York filmada por Martin Scorsese en Taxi Driver.

Cada escena do primeiro tramo da película da a coñecer distintos aspectos deste protagonista. Como que padece unha enfermidade mental que lle provoca a risa en situacións inadecuadas, o seu traballo como paiaso, as precarias condicións nas que vive coa súa nai ou as súas visitas a uns descoidados servizos sociais que deixarán de ofrecerlle os medicamentos que precisa polos recortes.

Todd Phillips pon o foco especialmente sobre aqueles elementos que afectan de maneira directa a Arthur Fleck, pero tamén deixa oco para amosar de fondo a realidade colectiva que se está a vivir en Gotham. Unha cidade infestada por súper ratas e ao borde da desesperación que de maneira inevitable acaba volcando toda a súa rabia contra aqueles que viven en grandes mansións e que os chaman paiasos, como Thomas Wayne, a quen mesmo chegan a acusar de fascista durante unha manifestación, cada vez máis frecuentes en Gotham.

Unha das propostas máis interesantes de Joker é esta maneira na que a película culpabiliza ao pai de Bruce Wayne de propiciar que a cidade chegue ata o punto do colapso social que favorecerá o ascenso dun criminal como o Joker, e consecuentemente o nacemento de Batman.

Normalmente, as películas de Batman presentaban un discurso que pasaba do branco ao negro, amosando ao home morcego como heroe que se enfrenta aos viláns. Mesmo a triloxía de Christopher Nolan, que buscaba dotar dun maior realismo e complexidade a estas historias, non chegaba a fuxir de todo desta dualidades. Os seus filmes están perfectamente filmados, mais conteñen unha ideoloxía bastante máis perigosa que a que hai detrás de Joker, onde tanto o Batman como seus inimigos son presentados como un produto do capitalismo.

Porén, a pesar de que o filme de Todd Phillips aporte unha explicación cuns aires marxistas da orixe do heroe e o vilán máis coñecidos de Gotham, a mellor maneira de calificar esta película é de pesimista. Non hai indicios de que a situación social presentada ao longo das dúas horas de Joker vaia mellorar, despois de que toda a rabia contida explote nuns disturbios organizados caracterizados por un anarquismo sen obxectivos que simplemente busca o caos, en lugar da organización para tratar de dar a volta aos problemas.

A loita de clases continuaría despois do final de Joker, de maneira máis encarnizada e distorsionada pola loucura, onde os de abaixo rematarán matando e saqueando baixo as súas máscaras de paiasos conducidos pola súa furia e os de arriba pasarán a tomarse a xustiza pola súa man. Lembrando a coñecida frase de Mark Fisher, poderíase dicir que no mundo de Joker é máis sinxelo imaxinar ao fillo de Thomas Wayne disfrazándose de morcego para vingar a morte do seu pai que a fin do capitalismo.

Pódeche interesar...
Cineuropa 33: 10 películas imprescindibles