‘Love, Death + Robots’ T2: Cando máis do mesmo é algo bo

‘Love, Death + Robots’ é unha serie difícil de criticar. Non so carece dunha historia única polo seu carácter antolóxico, senón que cada un dos seus episodios foi realizado por un equipo completamente diferente, apostando por técnicas de animación que non teñen nada que ver. Ante este plantexamento por parte dos creadores da serie poderíase realizar unha análise de cada un dos seus episodios, especialmente neste segundo volume onde o número total de capítulos descendeu dos 18 a tan só 8.

Porén, cada unha destas pezas non representa por si soa o que é ‘Love, Death + Robots’. En certa maneira podería dicirse que a suma das súas partes aporta máis do que farían por separado. Os episodios desta serie producida por Tim Miller e David Fincher establecen relacións entre si mesmos na súa temática e estética tanto naqueles puntos onde hai similitudes como nos que difiren.

‘Love, Death + Robots’ continúa a ser un espazo aberto para a creatividade na animación. En cada un dos episodios resulta evidente que os seus creadores atoparon total liberdade para desenvolver estas pezas que funcionan en certa maneira como pequenas curtametraxes. As liñas mestras que dan uniformidade á serie continúan a ser as mesmas que na primeira tempada, temáticas de ciencia ficción e fantasía enfocadas a un público adulto.

Se ben no primeiro volume era habitual que os episodios tratasen de deixar claro que tiñan unha calificación +18 con violencia especialmente gráfica ou numerosos espidos, case como se dun elemento de diferenciación máis respecto a outras series. Desta volta, os o oito episodios da segunda tempada semellan estar menos preocupados por isto, se ben algúns como “Neve no deserto” non poderían ter sido estreados baixo outra calificación.

As temáticas dos capítulos móvense por terreos similares aos do primeiro volume, algúns deles máis próximos á pura ciencia ficción como é o caso de “Cobixo”, mentres que outros exploran temáticas máis fantásticas, como sucede en “A herba alta”. Porén, tamén hai momentos que se alonxan máis da fórmula habitual da serie como o reflexivo “O xigante afogado” ou o breve pero sorprendente “Por toda a casa”, que resultan todo un acerto, ofrecendo pezas únicas e memorables.

A segunda tempada de ‘Love, Death + Robots’ conserva todos os ingredientes que fixeran dela un lanzamento tan refrescante no catálogo de Netflix. Se ben é evidente que este novo volume perdeu o factor sorpresa que tivera en 2019 e o menor número de episodios pode facer que moitos espectadores non atopen o seu capítulo favorito desta serie nesta nova colación, a proposta de ‘Love, Death + Robots’ segue traendo consigo infinitas posibilidades de cara ao seu futuro. A liberdade estética e creativa que ofrece este proxecto aos creadores de cada un dos seus capítulos segue a dar forma a unha serie diferente, de aires pulp que mesmo lembran aos plantexamentos doutros medios como o cómic.

Creador: Tim Miller
Guión: John Scalzi, Rich Larson, Paolo Bacigalupi, Neal Asher, Joe R. Lansdale, Joachim Heijndermans, Harlan Ellison, J.G. Ballard
Fotografía: Animación
Música: Varios
Ano: 2021
País: Estados Unidos
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.