Love of Lesbian volven ao estudio

O próximo disco da formación barcelonesa verá a luz en 2020

Como agasallo de fin de ano, Love of Lesbian anunciou o pasado luns 30 que iniciarán a gravación do seu oitavo álbum este mes de xaneiro, xusto despois de rematar a xira de 2019. A banda estase tomando máis tempo ca nunca: case catro anos pasaron xa desde que viu a luz El Poeta Halley (2016), co que percorreron toda España e Latinoamérica mediante intensivas xiras.

O cantante e líder da banda, Santi Balmes, levaba desde verán advertindo na súa conta persoal de Twitter que estaba a iniciar o proceso de composición e selección de temas, mais este é o primeiro anuncio oficial do grupo. Porén, aínda se descoñece calquera detalle sobre o novo traballo. O único que podemos intuír é que será un álbum longo, segundo indicou Balmes en agosto: “O traballo que me vén co novo disco será mastodóntico”.

Os primeiros achegamentos discográficos de Love of Lesbian, Is it Fiction? (2001) e Ungravity (2003), aínda escritos en inglés, mostraban unha formación nova e inmatura. Con Maniobras de Escapismo (2005), xa gravado en castelán, demostraron a súa frescura e capacidade humorística, que tamén tinguiu Cuentos Chinos para Niños del Japón (2007). Con 1999 (o cómo generar incendios de nieve con una lupa enfocando a la luna) (2009) estoupou a súa fama, constituíndose como portador de auténticos himnos para a esfera indie estatal.

Pero os seus últimos traballos amosan un xiro máis maduro, á par que comezan a alongar o espazo temporal entre discos, así como a duración dos mesmos. O irregular La Noche Eterna. Los Días No Vividos (2012) e o reflexivo El Poeta Halley (2016) auguran un oitavo álbum extenso, sen reservas de grandes exercicios instrumentais, dunha banda que, xa con dúas décadas de experiencia, non ten medo a tomarse o seu tempo tanto na confección como na práctica.

Pódeche interesar...
Letras polo Nadal: once agasallos literarios para non perder nestas datas