‘Lúa vermella’, o novo filme de Lois Patiño, estrearase na Berlinale

Sete anos despois de estrear 'Costa da Morte' o director vigués volve con este filme do que pouco se sabe aínda

A segunda longametraxe de Lois PatiñoLúa Vermella, terá a súa estrea mundial na Berlinale, que se celebrará do 20 de febreiro ao 1 de marzo. O filme galego foi seleccionado polo prestixioso festival de cine alemán xunto a títulos de procedencias moi diversas dentro da sección Forum, dedicada ás creacións máis vangardistas.

O filme ten lugar nunha vila costeira. Alí tres mulleres tentan atopar a  un experimentado mergullador desaparecido uns días atrás. Pouco máis se sabe da trama. A súa rodaxe realizouse na comarca de Lemos e na Costa da Morte e da produción encargáronse as produtoras galegas Zeitun Films e Amanita Studio.

A esperada segunda longa de Patiño chega sete anos despois de Costa da Morte, un dos filmes que se consideran referentes do Novo Cinema Galego. A película acadou galardóns en festivais de todo o mundo. Patiño recibiu premio ao cineasta emerxente no importante festival de Locarno e o filme foi premiado en lugares como o festival coreano Jeonju IFF ou o Festival Internacional de Sevilla.

A escolla de Lúa Vermella para a Berlinale da boa conta do bo momento do cine galego. Soamente débese ver a estrea no mesmo festival de Trinta lumes ou os recentes éxitos como O que arde , Eroski paraíso ou Longa noite.

Pódeche interesar...
A Banda de Lombás: “A xente das romarías agora é moito máis aberta”