Máis de 3.000 persoas xa viron ‘Eroski Paraíso’ nas salas galegas

A partir deste fin de semana poderá verse en Ribadeo, Caldas de Reis e A Estrada

Tras pasar por localidades como Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo, Lugo, O Barco de Valdeorras, Viveiro e Marín, Eroski Paraíso continúa neste 2020 a súa andaina polas salas galegas. A partir de hoxe, 10 de xaneiro, o filme poderá verse tamén en A Estrada (Minicines Central), Ribadeo (Cine Ribadeo) e Caldas de Reis (Cines Avenida).

Ao longo desta semana, ademais, haberá pases especiais nos que a proxección estará acollida por diversos membros do equipo: onte, venres 10, o actor Miguel de Lira e o produtor Gaspar Broullón asistiron ao pase na Estrada, e hoxem sábado 11 a actriz Patricia de Lorenzo e o codirector Xesús Ron estarán presentes ás 20h30 na proxección de Ribadeo. Mañá, domingo 12, Miguel de Lira e Gaspar Broullón terán de novo un encontro co público asistente, esta vez, no pase das 19h30 en Caldas de Reis.


Tras a súa estrea en cines a mediados do pasado mes de decembro, foron xa unhas 3.000 persoas as que se achegaron á historia de Álex (Cris Iglesias), unha nova cineasta, que decide facer un filme sobre a historia dos seus pais. Eva (Patricia de Lorenzo) e Antonio (Miguel de Lira) coñecéronse na sala de festas Paraíso en 1989, casaron e tiveron unha filla. Agora están divorciados, levan anos sen verse e a antiga discoteca onde se coñeceron é un supermercado Eroski. O filme é o retrato dunha xeración que o tivo todo ao alcance da man pero que camiñou pola vida coma se recorrese o corredor dun supermercado, unha metáfora viva da transformación social que tivo lugar nos últimos 35 anos en España.

Pódeche interesar...
Oscars 2020 | Cales son as grandes favoritas?