María Vázquez, Emma Suárez e Rita Azevedo, premios Cineuropa 2019

A programación da 33ª edición do festival Cineuropa recoñecerá e amosará o traballo de dúas actrices e dunha directora. Os premios deste ano estarán adicados a María Vázquez, a Emma Suárez e Rita Azevedo Gomes, das que se proxectarán tres películas que reflicten a súa carreira.

O festival comezará o día 7 de novembro cunha gala de inauguración na que se entregará o premio Cineuropa á actriz galega María Vázquez. Despois do recoñecemento, proxectarase unha das películas máis salientadas do festival, Ema de Pablo Larraín, que forma parte da categoría Latidoamericano. A dirección do festival salienta, ao fío, a longa traxectoria dunha actriz que se atopa no mellor momento da súa carreira. Na sección retrospectiva sobre Vázquez, o público poderá seguir a súa explosión e madurez interpretativa a través das películas Mataharis, Trote e a recente Quien a hierro mata.

O segundo dos premios será entregado á directora e programadora portuguesa Rita Azevedo Gomes nun acto que se celebrará o sábado 16 de novembro. A realizadora, moi vinculada a Galicia, destaca por asinar unha obra curta pero imprescindible, cunha factura cinematográfica moi escénica que ten ramificacións e ecos doutras artes como o teatro ou a pintura. Cineuropa acollerá a estrea do seu último título, Danses macabres, squelettes, et autres fantaisies, un documental no que traballa xunto a Pierre Léon e Jean-Louis Schefer.Ademais, o público poderá ver as películas A portuguesa e Vingança de uma mulher.

A derradeira xornada de festival será tamén o momento no que Emma Suárez reciba o galardón Cineuropa como recoñecemento ao seu traballo. Un actriz consagrada cuxa traxectoria representa unha das mellores seleccións de cine estatal dos últimos anos. No festival poderanse ver El perro del hortelano, La propera pell e Vacas, o filme escollido para pechar esta edición de Cineuropa.

Pódeche interesar...
A ‘Piñata!’ de La Melona chegará este sábado a Santiago de Compostela