Mielitza, un alter ego transformado en imaxinario colectivo

Cando quedamos con Mielitza, a nosa idea era facer fotos ao aire libre ás aforas de Compostela, aproveitando unha viaxe dela ata aquí dende o seu lugar de residencia, A Coruña, cidade pola cal profesa amor e cariño. Con todo, igual que se se tratase das brétemas que a súa música evoca, a choiva chegou e tivemos que buscar alternativas para conversar con ela.

O nome de Mieliza xurdiu como un alter ego para Carla López, principal artista detrás deste proxecto. Este nome vén relacionado coa paixón dela pola mitoloxía, sobre todo pola mitoloxía grega, a cal pensa Carla que ten moito que ver coa nosa maneira de vivir. Coa filosofía que temos na vida. E, tamén, ten certa conexión con euskadi. Falamos con ela na cafetería dun hotel das aforas de Santiago de Compostela.

Mielitza é máis un proxecto solista ou grupal?

Mielitza xurdiu como un alter ego, pero en realidade tamén se transformou nun imaxinario colectivo das persoas que estamos aí. Si que de inicio se conecta moito cunha certa parte de min, de Carla López, pero como o concepto era moi instrumentado, e eu tiña moi claro na cabeza como quería que chegara esa sonoridade, Mielitza pasou a ser non só persoa, senón tamén conxunto. Conxunto e imaxinario. De feito, o ideal para min é ir en formato de banda, pero cando facemos o formato máis reducido, o acústico, eu creo que non substitúe o que contamos no conxunto, senón que é unha maneira distinta de que esa identidade sonora de Mielitza fale noutro concepto.

O primeiro disco que sacástedes é Unha Illa, nun proceso de crowdfunding. Como rematou todo?

Inicialmente foi un proceso de crowdfunding, a través de verkami, que non acadou o obxectivo económico esperado, pero que si que acadou un obxectivo de éxito en relación ao que foi xuntar a un montón de xente que se víu implicada no proxecto. O que pasou foi que cando rematou este proceso con verkami, moitas persoas que participaron puxéronse en contacto para facer igualmente un crowdfunding. Contactaron dicindo “Carla, queremos aportar igual para que este disco saia adiante”, entón dixen “E por que non?”. Foi mediante un proceso de crowdfunding b, como digo eu. Un crowdfunding alternativo para poder chegar ao fin. A bo porto, a esta illa.

Foi máis unha decisión meditada facelo mediante o crowdfunding ou necesidade?

A verdade é que neste caso non sei que responder, se foi por necesidade… En realidade, eu quería facer este disco, tiña bastante claras cales eran as directrices que quería levar, entón como foi un proceso que estivo moito tempo en barbeito, por así dicilo, púxose a camiñar. Sabía como quería que soara todo e púxenme en contacto coas persoas que quería traballar e dalgunha maneira foi xurdindo dese xeito. Cando chegou a hora de entrar ao estudo fomos a gravar, contamos co apoio de moita xente para o tema do crowdfunding e agora pois aquí está o disco.

Unha vez en estudo, como foi a produción do álbum?

Nós xa tiñamos os temas moi rodados no directo, porque coa banda levabamos xa dende finais do 2016, penso, xa dando concertos e rodando. Entón, pois cando os temas chegaron a estudo, as cousas estaban xa bastante pechadiñas. Xa tiñamos bastante claro como queriamos que fora ese son. Como foi gravado con tódolos músicos en directo, a verdade é que foi algo bastante fluído. Todos tíñamos moi claro como queríamos ese sonido, éramos xente que levaba moito tempo traballando xuntos… Foi bastante… Non vou dicir sinxelo, porque supoño que estas cousas sempre teñen a súa… Pero bastante orgánico, bastante natural. Primeiro a banda, e despois xa o que foi o xogo para meter os coros, as voces, algún detalliño máis… Pero o que se escoita é un pouco o que se pode ver no formato en directo.

Estades contentos co resultado?                                          

Moi contentos.

Ada Seoane

A principios de novembro do ano pasado preséntachedes o disco en A Coruña. Como foron as sensacións?

Para min era un concerto moi especial porque o Fórum Metropolitano da Coruña é un espazo de referencia cultural para a xente. Era especialmente importante porque cando se construíu a edificación eu era unha nena, e para min sempre foi ese espazo que medrou, e que eu vin medrar, pero que el tamén me viu medrar a min.

Eu era unha nena cando se construíron o parque, as instalacións do Fórum, a biblioteca, a sala de cine, o auditorio… Pasei moitas veces por alí, tanto enriba do escenario como usuaria. Para min era algo importante que a estrea deste disco fora nun espazo que tiña tanta importancia como columna vertebral da cidade que me veu medrar, e tamén para min como persoa como profesional.

Foi unha data que levaba preparando moitísimos meses, con moito traballo e moita ilusión. Quedamos moi contentos, e para nós foi un pracer partir aí coa presentación.

Gústache máis como soades en directos ou estades contentos co son en estudo?

Son cousas diferentes. O feedback da gravación en estudo aporta unhas cousas, e o directo é outra cousa diferente. Eu a verdade é que quedei moi contenta co disco, e no directo o desfruto moito. No estudo estás contigo, e cos compañeiros, ademais grandes compañeiros, pero no directo fas tomar vida efímera a esas cancións. Sempre son novas aínda que xa sexan coñecidas. Para min son formatos distintos e me aportan moito os dous. É como dar vida a un monstro noutro contexto.

Algo que me chamou a atención é que está pensado de maneira conceptual. Cres que se está perdendo esta maneira de ver a música?

Creo que son distintas maneiras de facer as cousas, simplemente. Cada cousa ten o seu valor. Non quita que poidas presentar un álbum sacando tema por tema, aproveitando as plataformas que hai hoxe en día, pero non creo que se perda isto. Penso que se están a facer cousas con moito mimo, independentemente de como se usen. Son sabores de xeado diferentes.

Ata que punto foi intencionada esta conexión conceptual de Unha Illa?

A ver, as cancións non xurdiron coa idea de xerar “unha illa”, pero cando empezaron a saír de repente fun consciente un pouco de como xurdiu Mielitza en si mesma. As cancións chegaron e decateime de que tiñan que pasar a formar parte dun imaxinario diferente que non era o de Carla López como músico.

As cancións empezaron a salir e empecei a ter moi claro que formaban parte deste imaxinario, desta illa. Si que todas teñen unha conexión, todas forman parte dun mesmo imaxinario, cun clima e con distintos contextos coma o mar, ou a montaña. Cada canción recolle un recuncho. Cada recuncho incluso da portada do álbum ten unha certa conexión con ese imaxinario sonoro que despois se percibe en cada corte do disco. Todo é un completo. Cada recuncho forma parte desa illa.

Como cres que está o panorama musical en Galicia?

Para min a nivel de panorama cultural teño que dicir que penso que en Galicia estanse facendo cousas súper interesantes a todos os niveis. Sinto que temos un país súper enriquecido, cunha variedade moi grande de estilos e cousas que se están a facer diferentes. Véñenseme a mente os formatos para públicos infantís, onde hai cousas absolutamente deliciosas. Suponse que son para nenos, pero a min como adulta téñenme engaiolada. Podemos recomendar a Endomable, de Arturo Fernández, que está a facer algo moi interesante.

Estades a traballar en material novo?

Agora estamos coa xira de presentación deste disco, que acaba de nacer. É certo que na recámara teño cancións que non entraron para este disco, cousas que volven a vir… Parece descabellado que se pode volver entrar no estudo xusto despois deste, pero xa lle estou dando voltas a cousas novas.

O seguinte con Mielitza agardo que sexa a banda sonora do libro de Xosé Duncan, O derradeiro decembro infinito, que temos xa entre mans dende vai tempo, unha novela deliciosa. Hai un tema tamén n’Unha Illa que publicou Xosé Duncan con Galaxia, As lembranzas perdidas no lago Antelväri. E teño toda a banda sonora musicada para un libro que ten na recámara, que agardamos poder sacar para este 2019.

E despois teño idea dun EP, pero mais adiante. Agora estamos a presentar a música do libro que a ver se ve a luz e tamén me gustaría meterme para coller algunhas cancións que quedaron fora desta illa, para facer algo. Eu chámolles ‘as esquecidas’, e espero que poida ser posible. Pero igual antes se me ocorren outras cousas. Isto é un non parar.

Pódeche interesar...
O Super Bock Under Fest celebrará a súa segunda edición a finais de novembro