Miriam Rodríguez, de fan de Sés a finalista de Operación Triunfo

Indiscutible é o traballo, esforzo e progreso que tivo a de Pontedeume durante o concurso. Entrou na Academia de Operación Triunfo 2017 sen ningunha dúbida do xurado na gala cero. Desde entón foi unha das concursantes que máis brilou enriba do escenario, protagonizando grandes números como ‘I wanna dance with somebody‘ ou ‘What about us‘, que lle permitiu conseguir o seu merecido posto na final.

O domingo pasado sorprendeunos interpretando unha canción de Sés durante un descanso na academia. Non é a primeira vez que Miriam mostra a súa querenza pola cantautora bergantiñá, xa que nalguna ocasión luciu a camiseta co lema “Non son fada”, título dunha das súas cancións. A eumesa cantou ‘Tempestades de sal‘ acompañada dunha guitarra, o que abriu a porta a moitos seguidores do programa ás composicións de María Xosé Silvar.


Pero Miriam non se dedica unicamente á música, tamén é actriz. Antes do popular programa televisivo xa tivo a súa aparición na pequena pantalla en dous capítulos de Serramoura. Ela asegura que as dúas facetas, a de cantante e actriz, compleméntanse e axúdanse unha a outra. Demostrouno cando os protagonistas da serie Paquita Salas acudiron á academia de ‘OT’ para dar unha clase de interpretación. Brays Efe quedou abraiado coa carisma e versatilidade da galega. Foi tal a impresión que confirmou que a partir de agora é, ademais de actor e guionista, o presidente do club de fans de Miriam.
A repercusión que está a ter a “leoa”, como a alcumaron os seus adeptos, é tan grande que as cadeas da competencia aprovéitanse do seu éxito no talent musical para promocionar as súas series.

Gañe ou non gañe, Miriam Rodríguez pode fachendear de ser a auténtica revelación de ‘OT’ 2017.

Pódeche interesar...
O Cineclube Pontevedra dedicará os martes de novembro a Akira Kurosawa