Nace un crowdfunding para difundir música galega “fóra dos intereses capitalistas”

A plataforma de música galega Sons de Breogán, inicia un crowdfunding para “difundir a música galega non comercial”. O proxecto compártese a través de Verkami, onde a xente pode sumarse á iniciativa. As persoas que aporten poderán camisolas, cadernos, bolsas, mochilas, suadoiros e máis cousas. Tamén teñen recompensas orientadas cara grupos e artistas, como a realización dunha páxina web ou un videoclip.

Segundo a organización, o obxectivo desta campaña de micromecenado é ter fondos para “continuar loitando por un espazo cultural para a música galega fora dos intereses capitalistas”. Sons de Breogán é unha plataforma que naceu coa intención de dar difusión e ofrecer servizos para artistas e grupos de música non comerciais. Ten presencia e varios festivais, así como unha tenda en liña con produtos propios e de artistas.

Dende Sons de Breogán consideran que é necesario dar a máxima difusión “tanto de grupos xa afianzados na contorna musical, como dos novos grupos e artistas que desexan chegar a novos públicos”. Ademais reivindican valores baseados no feminismo, o internacionalismo, a loita LGTB, e o antifascismo.

Entre os futuros eventos, a organización destaca a II Festa Sons de Breogán que se celebrará o vindeiro 13 de marzo en Santiago de Compostela e que contará coas actuacións de Rebeliom do Inframundo, Cuarta Xusta, Samu Acaracán e Os Tintafemia

Pódeche interesar...
Levar o campo da festa a Instagram