Nai: Cando as respostas se converten en preguntas

Rodrigo Sorogoyen sorprende cunha nova Nai tras a cortametraxe de 2017 que pode chegar a incomodar ao espectador

Cando Rodrigo Sorogoyen acudiu aos Premios Oscar polo nomeamento da súa curtametraxe Nai, xa terminara de gravar a película que a prolongaba. Calquera que vira o corto apostaría por unha continuación directa e evidente da historia xa comezada. Pola contra, Sorogoyen e a súa coguionista habitual, Isabel Peña, decidiron deixar a acción propiamente dita atrás e centrarse no declive emocional dunha muller que perde ao seu fillo.

A intriga que a Nai de 2017 construíu, deixa paso en 2019 a unha serie de  dúbidas incesantes que xogan coas expectativas da audiencia. A incerteza é unha das claves do relato: miradas fugaces, rostros sen apenas maquillar, os beizos dun adolescente e unha loita infinita entre os sentimentos.

A película comeza coa reprodución directa da curtametraxe. Un fillo que desaparece nunha praia francesa.  Existe un salto temporal e a historia reanímase dez anos despois na zona da desaparición, onde Elena, a nai, reside. Marta Nieto brilla no seu papel e a chegada de Jean, un mozo que se parece moito ao seu fillo, sacan unha catarse emocional que o director é capaz de manter até o último momento.

A relación que se establece entre ambos acaba tomando unha dirección confusa e incómoda, afastada da esperada relación nai-fillo. Aparece unha tensión que o espectador non é capaz de comprender nalgúns instantes, pero que ao mesmo tempo fai que sexa quen de aceptar a redención dunha nai que ten que deixar de selo.

A natureza do estraño vínculo que xorde entre Elena e Jean, interpretado con gran personalidade polo novo francés Jules Porier, non está nada clara: nun principio, ela reconfórtase proxectando sobre el ao seu fillo; mentres os seus sentimentos mestúranse cun amor inocente. El coquetea con ela, experimentando a idea dun adulto diferente aos seus pais, que lle mira con interese. Non queda claro, polo menos ata o final, que buscan estes personaxes, pero tampouco parecen sabelo eles, o único incuestionable é que a súa relación dalgunha forma funciona.

Nai poderíase dicir que é máis o filme de Marta Nieto que do propio Sorogoyen. A personaxe de Elena podería ter resultado facilmente frustrante, pero dende un primeiro momento nótase o gran traballo da actriz, resulta difícil superar o papel interpretativo que a murciana leva a cabo no filme. Elena aférrase á esperanza, aínda sabendo que está condenada a un baleiro eterno e en cada secuencia somos quen de conectar coas sensacións que experimenta a protagonista.

A actuación que realiza Marta Nieto está tan detallada que sófrense, no propio estómago, cada unha das finas liñas que inspeccionan Sorogoyen e Pena, tanto como coa súa complicada mente como co seu corazón. Aí é cando comprobamos que executa o seu mellor traballo ata este momento, conseguindo baleirarse para transmitir con cada suspiro, o seu osíxeno aos espectadores.

Sorogoyen aposta en todo momento por un enfoque intimista, no que é palpable unha tensión que, inclusive nalgúns momentos, pode facer sentir incómodo ao espectador. Con todo, o director é quen de captar grandes instantes de beleza visual: xigantes panorámicas que afogan e planos curtos que son presos de misterios e dúbidas. Cada plano atópase coidado ao extremo. Tempos moi longos de ritmos lentos e sobriedade sonora, un drama psicolóxico que se cociña a lume lento, moi lento.

Sorogoyen xa ten máis que demostrado que é un director capaz de manter a intriga das súas historias até o último momento. Ten a capacidade de liberar a angustia nos momentos precisos. Fuxe do sinxelo, e (de forma acertada ou non, iso xa é algo persoal) camiña cara o escenario más complicado.

Poderíamos dicir que a proposta de Sorogoyen resulta estimulante, canto menos innovadora. Deixa un oco para a mente pensante dos espectadores, para que imaxinen que sucede entre Elena e Jean. Que pasou co fillo? Pois tal vez iso ocupe outra película, pero de momento regálannos esta viaxe de 120 minutos sen un rumbo asegurado.

Director: Rodrigo Sorogoyen
Guión: Rodrigo Sorogoyen e Isabel Peña
Fotografía: Álex de Pablo
Música: Olivier Arson
Ano: 2019
País: España
3
Pódeche interesar...
A segunda tempada de Sex Education xa ten data de estrea