Non quero quedar na casa: Belako, Nathy Peluso, Christina Rosenvinge, PelucaFEST, MelonaFest…

Outra semana máis, Galicia esperta chea de concertos e cultura. Nesta ocasión, a oferta parece ata non ter límites. Quedarse con algo foi duro, mais, por fin, demos na tecla. Estes son os nosos tres concertos seleccionados, e a continuación tedes a axenda completa. Ademais de todo isto, non podiamos perder a oportunidade de destacar o PelucaFEST e o MelonaFest, que darán moitos bailes tanto en Vigo como en Compostela.

  • Belako: Fai nada, falabamos de como Belako se está a converter nun dos proxectos de indie rock máis sólidos do Estado Español co seu Render Me Numb, Trivial Violence, o seu terceiro longo. Agora, por fin, temos a oportunidade de velos en directo en Galicia en dobre ocasión: A Coruña e Santiago de Compostela. En ambos concertos os acompañará Izaro.
  • Nathy Peluso: De entre todos os proxectos de hip hop que se están a facer, un dos máis interesantes é sen dúbida o de Nathy Peluso. A espera de que o seu EP La Sandunguera vexa a luz, temos ata tres ocasións de vela esta semana en directo no noso país.
  • Christina Rosenvinge: Hai algo incrible en Christina que nos chama a atención de primeiras: Un Hombre Rubio é o seu décimo disco, e segue a manter un nivel impresionante. Os sons da catalana estarán en Ourense, Vigo e Vilgarcía de Arousa. Unha ocasión única para asistir a un dos directos máis intensos que podemos recordar.

Segunda edición do PelucaFEST, festival dedicado á peluquería Sara García, que leva xa seis anos aberta. Para esta segunda edición, o elenco é de luxo: Kings of the Beach, Cuchillo de Fuego e diola estarán dándoo todo para aquelas que se acerquen. Como consello, levar perruca.

O PelucaFEST celebrarase o 7 de abril en Vigo, na Iguana Club, a partir das 23:00. A entrada serán cinco euros.

O MelonaFest é un dos festivais por excelencia de Galicia e, xunto ao WOS Inc, a oferta musical máis interesante de todo Santiago de Compostela. Para esta terceira edición, os grupos invitados a participar son Baiuca, Cuchillo de Fuego, Dois, Emilio José e os Indígenas, Manu Louis, Mazmorra, Mounqup, Nidia, Timpahn, Vietnam e, como sorpresa, Esplendor Geométrico encabezan un cartaz que non ten nada que envexar a ningún festival do Estado.

O MelonaFest celebrarase entre o 4 e o 8 de abril, e as entradas xa están á venda a un prezo de 25 euros.

Pódeche interesar...
Que é o que non te podes perder do Curtocircuíto?