Novedades Carminha e Os Amigos dos Músicos triunfan nos premios MIN

Os galegos Novedades Carminha foron os grandes protagonistas da gala dos Premios da Música Independente, facéndose con tres galardóns, ao mellor artista, mellor directo e mellor disco de pop por ‘Ultraligero’. Con este último traballo, Novedades Carminha decidiron dar un paso máis cara adiante e rachar definitivamente coa homoxeneidade de xéneros, empaquetando un disco que bebe do funk, da cumbia, do hip hop, das verbenas de aldea e incluso das novas ondas do trap.

Ademáis, ‘Segundo fogar’, o último disco de Os Amigos dos Músicos, foi recoñecido como mellor álbum en galego. O disco recolle dez cancións, todas composicións propias agás unha adaptación dun poema de Uxío Novoneyra, nas que Os Amigos dos Músicos se moven entre ambos lados do Atlántico para compoñer cancións nas que diferentes voces se xuntan para facer unha obra coral na que os acompañan as colaboracións de Xabier Díaz e Fernando Barroso.

Ademáis deste premio, o videoclip da canción ‘As Crónicas’, dirixido por Rubén Domínguez, vén de ser recoñecido no Festival de Cans. Os Amigos dos Músicos aproveitaron a ocasión para agradecer a toda a xente que os apoia escoitando a súa música, así como en xeral a todo o público que fai posible que haxa concertos, discos e cancións.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.