O ano en que Nine Inch Nails chegou ao mainstream

Non se pode negar que Nine Inch Nails tiveron éxito dende o principio. Este 2019 cúmprense 30 anos do lanzamento do seu disco debut, o Pretty Hate Machine, que foi certificado como triple platino, un dos primeiros discos na historia lanzados por unha discográfica independente en conseguir este recoñecemento. Sen embargo este éxito sempre se sentiu como unha anomalía e non chegou de maneira fácil.

Limpando váteres para poder gravar un disco

Para gravar o Pretty Hate Machine, Trent Reznor, responsable absoluto de Nine Inch Nails, aceptou un emprego nos estudos Right Track de Cleveland onde nas súas propias palabras encargábase de “limpar os baños e facer o traballo que ninguén máis quería facer”. Desta maneira durante as noites, en lugar de ir durmir á súa casa, Reznor quedaba no estudio unha vez pechado para poder gravar as súas cancións sen verse obrigado a invertir uns cartos que non tiña.

Cando presentou á súa discográfica o resultado final do seu traballo, Steve Gottlieb, fundador de TVT Records calificouno literalmente como “un aborto de disco”, tras darse conta por primeira vez de que fichara a unha banda de industrial inspirada por Ministry e Skinny Puppy e non aos seguintes Depeche Mode. As vendas do Pretty Hate Machine sen embargo conseguiron despegar grazas ao duro traballo de Trent Reznor, que deu a coñecer a súa música ao longo de todo o mundo cunha incansable xira que se estendeu durante tres anos.

Conquistando o mundo cubertos de lama

Este 2019 tamén se cumpriron 25 anos de The Downward Spiral, para moitos o mellor disco de Nine Inch Nails, sen lugar a dúbidas, o máis exitoso. Este disco continuaba o estilo máis agresivo do EP Broken, lanzado en 1992, pero desta volta cun son máis denso e elaborado que fan del unha produción todavía fascinante a día de hoxe. Con longas pasaxes instrumentais, unha temática escura e unha música verdadeiramente abrasiva custa crer que The Downward Spiral vendese máis de catro millóns de copias.

O mesmo ano do lanzamento do disco, Nine Inch Nails actuaron no 25 aniversario do festival de Woodstock, un evento que destacou polo caótico. A organización non foi a mellor, miles de persoas conseguiron colarse no recinto sen entrada, e aínda por riba, a chuvia convertiu o festival nunha enorme lameira. Nine Inch Nails non eran os cabezas de cartaz desta edición de Woodstock de 1994, pero sen embargo conseguiron entregar sen lugar a dúbidas o concerto máis memorable.

Trent Reznor e os seus apareceron sobre o escenario cos corpos cubertos de lama, poñéndose ao mesmo nivel que o público e entregaron unha actuación completamente fora de control que se sentiu como unha auténtica catarse emocional marcada pola destrucción de sintetizadores. O concerto foi retransmitido por Pay Per View nos  Estados Unidos e no recinto do festival conseguiu congregar ao público máis amplo de todo o evento, xa que se estima que ata trescentas mil persoas viron a actuación de Nine Inch Nails. Case nada.

20 anos de The Fragile

Pero todavía hai máis discos de Nine Inch Nails que celebran aniversario este ano. Hoxe mesmo cúmprense dúas décadas dende o lanzamento de The Fragile. Probablemente o traballo máis ambicioso de Trent Reznor, un doble CD de case dúas horas de duración que fuxía deliberadamente dos estribillos para dar oco a unha coidadísima produción na que se empregaron todo tipo de instrumentos de corda e percusión que chegan a ser os protagonistas absolutos nas numerosas cancións instrumentais presentes ao longo deste disco. As mesmas melodías aparecen e desaparecen ao longo das cancións de The Fragile dándolle unha unidade sonora e temática a todo o disco converténdoo na obra máis autoral e cinemática de Tren Reznor, que ademáis comezou a abrir o camiño para a súa futura carreira como compositor de bandas sonoras coa que gañaría un Oscar.

Pero a pesares de todos os aspectos que facían de The Fragile un disco admirable, a crítica seguía sen entendelo e o recebemento do álbum foi, en xeral, malo. Por parte dos fans de Nine Inch Nails, a resposta foi máis positiva, aínda que nun primeiro momento foron moitos os que se sentiron descolocados ante estas cancións tan densas e as longas pasaxes instrumentais nas que a agresividade botábase a un lado para deixar paso á sutileza. Vinte anos despois, The Fragile é xa todo un clásico. Un dos traballos máis admirados da banda, que se ben non conta con singles como Closer ou Head Like a Hole consegue namorar cunha música con tantas capas de son que permite sumerxirse por completo nela e seguir descubrindo novos detalles sonoros mesmo dúas décadas despois do seu lanzamento.

Poñendo banda sonora ao presente

Este ano a canción Old Town Road de Lil Nas X batiu o record histórico de máis semanas como número 1 nas listas. Podería parecer que esto non ten nada que ver con Nine Inch Nails se non fose porque Trent Reznor está acreditado como escritor e productor dunha das cancións máis exitosas da historia. Old Town Road está construída íntegramente sobre un simple da pista instrumental de Nine Inch Nails 34 Ghosts IV acompañada por unha percusión de trap.

En 2019 as cancións de Nine Inch Nails tamén soaron na boca de Miley Cyrus durante a súa aparición na serie Black Mirror, na que adaptou os temas de Trent Reznor ao pop, pasando a formar parte do repertorio en directo da cantante, que mesmo chegou a cantar Head Like a Hole no seu concerto de Glastonbury. Pero a cousa non queda aquí. Chris Hemsworth publicou na súa conta de Twitter un vídeo cantando Hurt, Britney Spears un no seu Instagram facendo exercicio ao ritmo de Closer e algúns dos artistas do momento que máis están influenciando ás novas xeracións como Billie Eilish recoñecen que Nine Inch Nails é unha das súas influencias.

Xa pasaron tres décadas dende que Trent Reznor publicase o disco que compuxo completamente pola súa conta e o mainstream parece estar comezando a comprender que a súa discografía é unha das máis innovadoras e persoais que deu a música estadounidense. Mentres os samples de Nine Inch Nails comezan a tomar pouco a pouco as listas, Reznor continúa a seguir o seu camiño, que cada vez está máis ligado ao audiovisual. De momento seu próximo proxecto será a banda sonora da serie coa que HBO adaptará Watchmen, a primeira incursión de Trent Reznor na televisión, aínda que probablemente non sexa a última.

Pódeche interesar...
A xira de Godspeed You! Black Emperor pasará por Compostela