O cine feito por mulleres toma protagonismo no Mufest

Ademais de promocionalo, o festival busca fomentar o debate dende unha perspectiva de xénero

Do 10 ao 14 de marzo celebrarase en Compostela a cuarta edición do Mufest (Festival de Cine feito por Mulleres), unha iniciativa de Andaina que terá cinco días de proxeccións e debates repartidos entre o Teatro Principal e o Museo das Peregrinacións.

O Mufest ten como obxectivo promocionar e visibilizar os filmes dirixidos, escritos e/ou producidos por mulleres, á vez que crear un espazo para o debate sobre a situación deste sector desde unha perspectiva de xénero. Nas distintas sesións proxectaranse un gran número de obras divididas entre longametraxes e curtametraxes.

O festival abrirase o martes cunha palestra na que participarán as responsables de catro festivais de cine feito por mulleres: Marta Nieto Postigo (Mostra Internacional de Films de Dones. Barcelona),  Amaia Barandica Ortiz de Zárate (Muestra Internacional de Cine y Mujeres. Pamplona), Antónica Pedroso de Lima (Olhares do Mediterrâneo-Women’s Film Festival) e Teresa Gómez Louzao (Mufest). 

O sábado 14 outra palestra analizará o sector cinematográfico en Galicia desde unha perspectiva de xénero, coa participación de Olga Osorio (directora), Araceli Gonda (guionista), Nati Juncal Portas (produtora) e Zélia García (Mufest). Ademais, dentro da súa programación o Mufest organiza o curso ‘Levando a contraria: iniciación lúdica á creación audiovisual para a realización de curtas de contrapublicidade feminista’, impartido por Renata Otero os días 11,12 e 13 de marzo. O programa completo do festival está dispoñible na páxina web do festival.

Pódeche interesar...
Grimes pon banda sonora á fin do mundo con ‘Miss Anthropocene’