O Galician Freaky Film Festival estrea en Galicia o novo de Lanthimos

O Galician Freaky Film Festival comeza a conta atrás para abrir as portas do certame, que terá lugar entre o 28 e o 31 de outubro. Durante a primeira xornada, Caspervek Ensemble, con Brais González ao piano e á dirección, Blas Castañer á percusión, Erea Carbajales ao violín, Tonio Comesaña ao clarinete e Ainara González á trompa, serán os encargados de poñer a banda sonora en directo á un verdadeiro clásico do cinema: A carreta pantasma, de Victor Sjöström. 

No filme, referente para Stanley Kubrick, autor de O resplandor, cinta homenaxeada nesta nova edición do Galician Freaky Film Festival, amósase unha historia chea de escuridade, degradación e poesía onde abundan os planos espectrais e fantasmagóricos. De feito, a obra goza de gran relevancia na historia do cinema xa que foi pioneira no uso de técnicas fílmicas nunca vistas, coma as dobres exposicións ou as elaboradísimas composicións que amosan o minucioso traballo de Julius Jaenzon á fotografía. Complementa esta excelente factura un guión moi traballado con narracións en flashbacks, afondando nos seus decadentes personaxes como é a progresiva destrución da dignidade humana por parte dunha sociedade cruel e egoísta que leva aos máis desafortunados ao camiño da violencia e a tolemia.

Xusto despois desta musicalización, chegará Nimic, curtametraxe dirixida polo aclamado Yorgos Lanthimos, autor de obras coma Langosta ou A favorita, esta última nomeada ao Óscar ao mellor director en 2019. A obra, que será estrea en Galicia e non está na sección oficial, ven de proxectarse en Locarno e Melbourne e narra a historia dun violonchelista profesional e coma un encontro cunha estraña no metro terá unha serie de consecuencias inesperadas na súa vida.

Nimic non será a única curta especial que se poderá ver no GFFF. Por iso, na gala de clausura os asistentes terán ocasión de desfrutar dunha estrea mundial: Devorados por la noche, de Óscar Doviso. O filme, situado nos anos 80, contará o que lles acontece a un cantante dunha banda de rock e o seu grupo logo dun concerto.

Este ano o festival mudará de localización e celebrarase na sala Overlook, no hotel Bahía de Vigo, por mor da pandemia do coronavirus. Deste xeito o aforo será moi limitado, o uso de máscaras será obrigatoria para moverse polo recinto, haberá xel hidroalcohólico a disposición dos asistentes e o sentido de circulación será único. Ademáis, a venda de entradas realizarase exclusivamente a través da páxina web do festival. 

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.