O Irlandés: Por Favor Scorsese, non morras nunca!

Martin Scorsese é un director único. Ao longo de case cincuenta anos facendo películas é un deses nomes que toda persoa coñece vira os seus filmes ou non. Unha desas figuras vertebradoras do cinema que todo amante desta industria considera fundamental para o medio. Con filmes como Malas Rúas, Touro Salvaxe, Un dos nosos, Infiltrados ou Taxi Driver (e moitas máis que me deixo entre as teclas do ordenador para non aburrir) demostra unha e outra vez unha capacidade única para dirixir. O Irlandés é a súa última obra e está distribuída por Netflix.

Baseada no libro de Charles Brandt I Heard You Paint Houses, narra a vida de Frank Sheeran, un home que chegou a convirterse nunha persoa moi relevante na mafia estadounidense. Conta dende que non era ninguén ata os seus últimos días nun asilo. Unha visión periférica dunhas décadas moi importantes protagonizada por Robert de Niro e con interpretacións tan notorias como a de Al Pacino ou dun Joe Pesci que levaba retirado vinte anos.

O Irlandés é un filme crepuscular que reflexiona sobre os propios mafiosos como persoas. Scorsese, probablemente o director que mellores filmes de gangsters deu, firma unha película que parte dun dobre flashback ata rematar nunha última parte especialmente que pecha unha relación co xénero que comeza en 1973 con Malas Rúas. De feito, a medida que avanza o filme hai algúns homenaxes ao cinema do director que vai lembrando as súas diferentes filmes incluso por orde cronolóxico na meirande parte dos casos.

A través do relato en boca de Sheeran non soamente se está a contar o relato do crime organizado durante décadas, senón que realmente se narra a historia dos Estados Unidos a través dos ollos da mafia e do protagonismo que tivo a mesma. Por exemplo, no mandato Kennedy e o que supuxo para as súas filas que Fidel Castro alcanzara o poder en Cuba. É un grande relato americano, algo así como foi Mad Men no seu día. Iso si, con tiros e con máis talento tanto diante como detrás da pantalla.

TRES ACTOS, TRES VIDAS

A estrutura é o que da vida a este filme. Consta dunha primeira parte que lembra ao Scorsese máis clásico: dinamismo e ritmo rápido, unha gran posta en escena que lembra a Un dos nosos, e un uso do humor que parece sacado directamente de Malas Rúas. Máis adiante, isto rómpese totalmente a medida que os personaxes fanse máis vellos. O estilo cambia porque o guión o pide. Aquí é onde Scorsese demostra ser un dos directores máis grandes que pariu esta industria que chamamos cinema, a consciencia de que o relato é quen impón o estilo e non o ego do director.

Nesta segunda parte, unha constante banda sonora desaparece para dar paso ao predominio dos diálogos e o lucimento absoluto da interpretación dos seus actores. Unha mirada de Joe Pesci di moito máis que cincuenta palabras, e o filme é consciente de iso. Al Pacino é contido pero á vez hiperbólico, aínda que sen pasarse da raia. Por último, un espectacular Robert de Niro está cheo de matices e leva sobre as súas costas o peso dun filme tan enorme dun xeito brutal.

Neste punto explóranse as relacións entre os tres personaxes, tanto de amizade como finalmente de dependencia que teñen entre eles. Un tira a afrouxa onde finalmente a lealdade é o tema predominante. Tanto pola súa ausencia como polos diferentes xeitos de enfocala. Tamén a súa importancia dentro dese mundo tan escuro como é o mafioso e as prioridades nunha estrutura tan xerarquizada.

OS MAFIOSOS TAMÉN CHEGAN A VELLOS

A derradeira parte, practicamente a modo de epílogo, mostra o que queda dos personaxes nos últimos anos da súa vida. Nun exercicio de nostalxia e tremenda melancolía reflexionan sobre o acontecido. Non con arrepentimento, pero si cunha certa culpa. A mala relación de Sheeran coa súa filla que sempre pareceu anecdótica cobra unha relevancia capital. Non en tempo físico pero si na evolución do protagonista. Isto provoca unha catarse emocional a altura dos mellores dramas xamais creados. A morte en soidade é peor castigo que dúas balas en medio da testa, ou incluso pode ser peor neste caso, xa que Sheeran comeza o seu camiño a morrer só pensando nas dúas balas nunha testa allea.

Parece incrible escribilo, pero O Irlandes é un filme de tres horas e media ao que non lle sobra nin un minuto de metraxe. Conta todo o que quere contar e necesita ese tempo para facelo do xeito que quixo o director. É máis, incluso faise curta. Mentres pasan os créditos existe unha sensación incluso de non querer que remate porque é desas películas que non se van ver en moito tempo.

Scorsese demostra toda a súa valía neste filme que se coloca directamente entre as súas mellores obras con todo o que iso implica. Non creo que sexa necesario entrar en termos como “obra mestra” ou “mellor filme da década”, porque iso soamente o dirá o tempo, pero dende logo será dos filmes que recomendarei a quen me pregunte. Por favor Scorsese, non morras nunca. Longa vida ao cinema!

Director: Martin Scorsese
Guión: Steven Zaillian
Fotografía: Rodrigo Prieto
Música: Robbie Robertson
Ano: 2019
País: Estados Unidos
5
Pódeche interesar...
‘The King’, unha épica mediocre salvada pola música