O novo filme de James Bond sonará a Billie Eilish

A artista comporá e interpretará o tema principal da banda sonora do novo filme da franquía

A cantante estadounidense Billie Eilish interpretará a canción principal de Sen tempo para morrer, a película de James Bond dirixida por Cary Joji Fukunaga, que chegará aos cines o próximo mes de abril. A noticia foi confirmada pola artista nun comunicado. O tema foi composto por ela e o seu irmán Finneas.

“Compoñer a canción principal dunha película de Bond é algo co que soñamos facer durante toda a nosa vida” asegurou a cantante. Deste xeito, Eilish convértese na artista máis nova en escribir e interpretar a canción dunha das películas do famoso espía. Nesta ocasión, será o británico Daniel Craig quen dará vida ao protagonista na produción.

Coa elección de Eilish, a saga de películas do axente 007 continúa coa súa tendencia de recolectar a artistas mediáticos do momento para acompañar as súas producións. O último elixido fora o británico Sam Smith, quen compuxo e interpretou Writing On The Wall en Spectre, a película de James Bond de 2015. Para Skyfall, de 2012, a encargada fora Adele cun tema homónimo. Outros famosos artistas que pasaron polo universo Bond foron Madonna ou Tina Turner

Billie Eilish, de apenas dezaoito anos, converteuse nos últimos meses nunha das figuras máis rechamantes no panorama musical de todo o mundo. Sendo a antítese da clásica estrela de pop, é un fenómeno nas plataformas dixitais de música e nas redes sociais.

Pódeche interesar...
‘A conxura contra América’ ou David Simon contra o fascismo