‘O que arde’ triunfa nos Mestre Mateo

A película de Óliver Laxe fíxose con seis galardóns

A XVIII gala dos Premios Mestre Mateo que recoñecen a labor do audiovisual galego chegou sen grandes sorpresas. O que arde, o filme galego máis visto da historia, conseguiu posicionarse como o gran vencedor dunha noite chea de momentos musicais que non remataron de funcionar de todo, especialmente cando se solapaban cos discursos dos premiados.

A terceira longametraxe de Óliver Laxe, venceu en seis das doce categorías nas que optaba a premio: obtivo as estatuíñas de Mellor Longametraxe e Mellor Dirección para Oliver Laxe. Os académicos e académicas tamén recoñeceron a dirección de arte de Samuel Lema e Curru Garabal, o traballo na dirección de fotografía de Mauro Herce, na montaxe de Cristóbal Fernández e no son de David Machado, Amanda Villavieja, Sergio Silva e Xavi Souto.

Pola súa parte, Hierro acadou catro galardóns: o premio a Mellor Serie de Televisión, ademais de Mellor Dirección de Produción para Ana Míguez, Mellor Guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Coral Cruz e Carlos Portela e Mellor Música Orixinal para as composicións de Elba Fernández e Xavi Font.

Quen a ferro mata, que partía como favorita con quince candidaturas, obtivo tres premios: o de Mellor Actor de Reparto para o lembrado Xan Cejudo, Mellor Actriz de Reparto para María Vázquez e Mellor Maquillaxe e Perruquería para Susana Veira e Beatriz Antelo.

Da adaptación para a pantalla grande do éxito teatral da compañía Chévere Eroski-Paraíso foron recoñecidos os seus intérpretes principais: Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, nas categorías de actor e actriz protagonista. Dous galardóns obtivo tamén Segredos, desmontando Galicia: o de Mellor Programa de Televisión e Mellor Realización para Marcos Barrios Carreira.

Manoliño Nguema, gañou o premio ao Mellor Documental mentres que Antes de perder, fíxose co premio á Mellor Serie Web. 16 de decembro, dirixida por Álvaro Gago, conquistou o de Mellor Curtametraxe de Imaxe Real e Homomaquia de David Fidalgo Omil o de Mellor Curtametraxe de Animación. Santiago cidade de cinema, fixo o propio co de Mellor Anuncio e Esquimales (Heredeiros da Crus) de Xaime Miranda, co premio ao Mellor Videoclip.

O traballo de María Fandiño en Lobos e Cordeiros acadou o premio á Mellor Vestiario, mentres que Lucía Regueiro obtivo o premio de Mellor Comunicadora polo seu traballo en Bamboleo.

Ademais, a Academia aproveitou os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria do proxeccionista do CGAI-Filmoteca de Galicia, José Maria Rodríguez Armada “Chema“, co Premio de Honra Fernando Rey.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.