MELONA FEST 3 // MOUNQUP

O sector cultural galego ante a COVID-19: incerteza, precariedade e reivindicación

Os traballadores culturais teñen problemáticas diferentes segundo a súa área laboral, mais todos están a sufrir as consecuencias da emerxencia sanitaria

O coronavirus chegou as nosas vidas de súpeto e pechounos na casa. Nestes días que pasan dun xeito raro, sendo todos semellantes pero que pesan nalgúns casos como lousas, a verba máis repetida é incerteza. Ese sentimento, que é un dos máis aterradores que poden existir, é o que senten moitos traballadores a día de hoxe. Os culturais tamén.

Este sector con tantos subsectores que moitas veces non teñen moito en común entre si é fundamental para a vida en sociedade. Se cadra, teñen máis incerteza porque polo momento ninguén lles ofreceu unha solución. Ninguén sabe cando se vai poder celebrar un concerto en directo. Algo tan sinxelo como ir ao cine nestes días semella utópico. A presentacións editoriais sen público non teñen sentido. A cultura é algo colectivo, e polo ruído que están a ter nas redes sociais os traballadores culturais, a súas problemáticas tamén o son.

SOLIDARIEDADE COS QUE SOFREN

A actividade principal de Laura Romero é o da ilustración, mais tamén é baixista de Zenzar e MJ Rodríguez. “Para min a música é das cousas que máis fodidas están. A min esta situación de emerxencia sanitaria pilloume en plena presentación de traballos coas dúas bandas, non podemos ensaiar e hai unha gran incerteza sobre como se van solucionar o tema dos concertos e dos festivais”, comenta.

Respecto á súa grande ocupación, admite que a ela non lle afectou demasiado estes momentos tan complicados: “Eu traballo dende casa e polas miñas circunstancias non teño que pagar aluguer ningún, é máis subiume, incluso o emprego xa que ao non tocar a xente que me coñece entende que teño máis tempo ao non poder tocar”, explica, mais si que se mostra preocupada polo ritmo de publicación das editoriais e por outros compañeiros de profesión como os profesionais do deseño gráfico: “Quen viva da cartelaría de eventos agora mesmo ten un grande problema”.

Dende a súa posición como autónoma, considera que a solución pasa por dar axudas aos traballadores culturais de areas moi castigadas como os músicos: “Eu non as pediría, xa que polo momento non estou nunha situación que me fagan falta, pero hai unha morea de xente que si que as necesita, quen ten que pagar pola súa vivenda necesita solucións”, inquire Romero.

Xunto a Romero, Iria Pedreira publicou Ferreñas & Rock And Roll, un libro no que se fala sobre a música en galego en clave feminina. Ambas tiñan preparadas para estas semanas presentacións e actos relacionadas co lanzamento que obviamente tiveron que cancelarse perdendo visibilidade e vendas. “Non sabemos tampouco se a anunciada paulatina recuperación da normalidade vai permitir celebralos, porque obviamente o público é necesario”, explica Pedreira.

Para ela, a mellor medida que se pode tomar é comezar a tomar algunha: “O único que polo momento está enriba da mesa é que a problemática dos traballadores da cultura non existe, polo que o primeiro paso é que se propoña algo, logo xa veremos se é bo ou malo”, indica.Ademais, considera que polo xeral a cultura está mal valorada pola xente debido aos estereotipos “que capitalizaron persoas moi visibles do sector que son os que mellor viven disto”.

En concreto, reclama unha valorización do seu eido principal de traballo, a tradución literaria ao galego: “Estamos a construír un canon literario diferenciado que rara vez ten espazo nos medios de comunicación. Non se valoran a gran cantidade de obras que se están a traducir, hai xente que non entende que haxa que cobrar por isto, incluso”, denuncia Pedreira.

SACAR ALGO BO DISTO

Antón Torroncho fala dende a perspectiva do músico profesional. El é baixista de banda como Monoulious D.O.P ou os xa desaparecidos Nao: “Tiven que facer un traballo de auto resignación bastante grande, caeume todo dun día para o outro”. Considera que a outra opción era entrar nunha etapa de duelo, mais el aproveita o tempo para reinventarse a nivel profesional, xa sexa aprendendo a tocar outros instrumentos o mellorando a súa habilidade nos que xa domina, e comezar a suxerir solucións para cando esta situación extraordinaria remate: “Intento estar informado e atento a todo o que pasa”, indica.

Se algo atopa de positivo a esta situación tan nefasta é que ve unha oportunidade para atopar unidade no sector: “A música en vivo está moi maltratada. Penso que se pode crear unha unión, unha forza común de xente que fai música do país e para o país. A esperanza que teño en toda esta loucura é que nos leve a repensar moitas cousas como persoas, sociedade e sistema. Se non o facemos nós, ninguén vai loitar polo noso”.

Se falamos de medidas concretas  Torroncho sinala como capital unha revisión da cota de autónomos: “A única forma de loitar contra a economía somerxida no sector é crear unha cota progresiva, teño moitos compañeiros que lles gustaría estar dados de alta e pagar impostos como todos, pero debido aos seus baixos ingresos é totalmente inviable cotizar polo seu traballo”, denuncia.

O AUDIOVISUAL, TAMÉN PARADO

Movéndonos cara o sector audiovisual, Gaitafilmes é unha produtora galega de cinema independente. Actualmente están a rematar a rodaxe do segundo filme de Andrés Goteira tras a aclamada Dhogs: Welcome to My Maison, unha obra que mestura documental con ficción e unha das citas máis agardadas para o audiovisual galego ao comezo deste estraño 2020.

Laura Doval, parte do equipo de Gaitafilmes, explica que a COVID-19 freou por completo os seus plans respecto ao filme: “A primeira semana de abril tiñamos pensado rodar a parte de ficción”. Aínda que admite que a situación dentro do que cabe foi positiva: “En parte foi unha sorte, moitísimo peor sería que non tivera collido á metade”.

Andres Goteira, director de Dhogs e Welcome To My Maison / Ada Seoane

Para ela é importante ter en conta que o sector audiovisual está totalmente parado, polo que é importante aprobar medidas de respaldo aos traballadores mais tamén poñer a disposición das produtoras avais para poder acceder a liñas de crédito. Doval considera este gasto público “absolutamente necesario”.

Nos últimos días, nese campo de insultos e improperios nos que ás veces se transforman as redes sociais, o sector cultural foi criticado por algunhas voces tras reclamar reclamar medidas para paliar esta complicada situación. Doval responde a estas críticas: “Somos conscientes de que existen outras prioridadas inmediatas, mais o goberno non se pode esquecer do medio prazo, porque somos moitos os que vivimos deste sector”.

RECOÑECEMENTO PARA QUEN O FAI DIFERENTE

Outro dos grandes perxudicados son as salas de cinema. Nun contexto español poboado de monopolios, en Galicia temos a sorte de contar con salas como Codex Cinema en Lugo, os Duplex de Ferrol ou Numax en Compostela, lugares que fan un gran esforzo por programar películas diferentes e organizar eventos para aportar valor ao medio,

En xeral, todo isto foi bastante traumático”, admite Ramiro Ledo, responsable da sección de cinema de Numax. A empresa viuse obrigada a solicitar un ERTE para combater a situación porque “actualmente os ingresos son 0”, explica Ledo. Iso si, ao contrario que en outros moitos casos, os traballadores de Numax non baixaron o seu poder adquisitivo porque a propia empresa asumiu a parte do soldo que o ERTE non recolle.

Entrevista con Eloy Enciso no interior de Numax / Pedro Silva

Respecto á situación actual, ao igual que moitos outros, víveo con gran inquedanza: “Nós non podemos abrir ata que sexa seguro, e isto é unha situación cambiante, cada día hai algo novo”, lamenta. Mentres, para evitar perder o contacto co público, recomendaron nos primeiros días corentenas de actividades online culturais para despois desenvolver Numax na Casa “un intento de trasladar a pantalla da nosa sala física a unha virtual”, indica Ledo.

Dende o seu punto de vista, é moi importante coordinar adecuadamente a futura volta á normalidade. É consciente que debe ser coas máximas medidas sanitarias posibles, pero ve problemas nunha posible limitación no público: “Hai que ofrecer, dentro do seguro, o máximo aforo posible. Dáse a circunstancia de que se a sala é moi pequena e o número de de persoas permitidas insuficiente, non compense abrir”, explica.

Tamén centra as súas demandas na importancia de animar á xente mediante unha campaña gobernamental para que acuda aos espazos de actividade cultural (xa sexan cines, teatros, salas de cocertos…) unha vez acadada a normalidade. Neste senso ve moi positivo que dende a administración se financie que os rapaces acudan a estes espazos dentro da súa formación escolar

A maiores da situación excepcional que estamos a vivir, considera que hai un problema estrutural dentro do recoñecemento da actividade de exhibición. A cota de pantalla no Estado español para esta actividade é duns 700 locais. A meirande parte dos mesmos dedican un 60% da súa programación a películas estadounidenses e un 40% ás demais.

Ledo reivindica que os exhibidores que invirten esa proporcion, que cuantifica como “non máis de 50”, deben ter un recoñecemento: “Penso que isto debe facerse dunha vez por todas porque a este dato normalmente vai unido un esforzo por un programa propio de comunicación dos filmes e un esforzo por poñelos en valor”, remata.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.