O shonen tras Dragon Ball

Se ben no seu día a aparición de Dragon Ball causou un furor sen precedentes, os intentos de renovar a marca despois de que tivera a sigla “Z” non foron tan acertados como os inicios da serie. GT foi un desastre, e se ben Súper mantén as básicas do produto orixinal, que non funcione tan ben como este ten a súa explicación.

A obra de Akira Toriyama serviu de inspiración para moitas obras posteriores, e o seu traballo creou o marco no que se moverían, ata finais desta mesma década, os mangas shonen máis famosos. Non entenderiamos os tres grandes de comezos deste século, sendo estes One Piece, Naruto e Bleach, sen Dragon Ball.

As tres series causaron un furor, estando as tres entre os dez mangas máis vendidos da historia, e copiaban esa fórmula que fixo a Dragon Ball única no seu momento: os heroes deben crecer para mellorar, non son de serie os máis poderosos nun mundo moito máis grande e poderoso ca eles. Obviamente, non se quedaron aí e crearon o seu propio lugar no universo do manga, mais é imposible pensalos obviando a obra de Toriyama e os mesmos autores son os primeiros en nomear a obra entre as súas maiores influencias.

É posible que volva a existir unha serie que cause a emoción e o fenómeno fan de Dragon Ball? De feito, si, e obras como One Piece ou Attack on Titan (tal vez máis afastada tanto do shonen coma da obra de Toriyama) son claros exemplos de que o medio é capaz de encantar unha vez máis.

The Promised Neverland (Kaiu Shirai, Posuka Demizu)

Con todo, a propia Dragon Ball Super, con Toriyama detrás da equipa creativa, é o claro exemplo de que Dragon Ball, por si mesmo, xa non é o que foi e que tanto ela como as obras derivadas están chegando ao seu fin. Unha das últimas apostas da Shonen Jump de Shueisha, quen publicaron a obra que tanto nos deu que falar estas datas, foi e continúa a ser My Hero Academia, a cal recupera tamén moitas das cousas que definiron Dragon Ball. E, aínda así… Xa empeza a notarse, incluso na propia revista, un cambio no paradigma.

Se botamos unha ollada ás series que está a publicar a Shonen Jump a día de hoxe nas súas páxinas semanais, tal vez se nos vaian os ollos a dous mangas en particular que semellan diferentes ao resto: Dr. Stone e Promised Neverland. Se concretamos, veremos que Promised Neverland vendeu máis números que ese sucesor de Dragon Ball chamado My Hero Academia, e que Dr. Stone cada vez aparece máis nas listas de mangas máis vendidos de cada semana.

Nestas obras de banda deseñada, e en cada vez máis, o heroe xa non destaca por ser o máis poderoso, senón por ser o máis intelixente pero sabendo cales son as súas debilidades. Xa non se valora tanto o poder individual, senón o que os outros poden facer por nós. Non se busca a admiración, aínda que se consegue de igual maneira, senón o traballo en equipo.

Dr. Stone (Riichiro Inagaki, Boichi)

Se destaca The Promised Neverland sobre o resto, tampouco é coincidencia. Trala obra están dúas caras novas: Kaiu Shirai e Posuka Demizu, quen aportan un guión á altura de poucos, como podería ser Yoshihiro Togashi (Yu Yu Hakusho, Hunter x Hunter) e un apartado artístico cuxas ilustracións son unha auténtica fantasía, respectivamente.

Cando Fairy Tail baseaba todo no amor e no poder da amizade, ao xuntalo con ese fanservize e unha historia pouco ocorrente que recollía todo o que autores anteriores mencionados aquí mesmo resultaba irrisorio. Pero tal vez ese poder da amizade, da colaboración entre individuos, das capacidades colectivas… Non sexa tanto unha broma como o auténtico poder que pode unirnos nunha sociedade individualizada como na que vivimos.

Tras toda a nostalxia, quedámonos cos grandísimos acertos de Dragon Ball, unha obra que foi vangarda no shonen durante 30 anos e á que aínda a día de hoxe custa abandonar incluso como modelo sobre o que actuar.

O cambio de paradigma resulta enriquecedor e colectivo, e é un auténtico pracer ver que cada vez máis lecturas deste tipo son populares e procuradas. Tal vez, nun futuro, teñamos que escribir unha serie de artigos como este sobre un proxecto que valore non un individuo con enormes superpoderes, senón o poder que temos entre todos. Estaremos expectantes.

Pódeche interesar...
Cineuropa 33. 15 grandes filmes que poderás ver gratis nesta edición