O Sinsal presenta a nova curta de Diana Toucedo

Este sábado 31 de xullo a lonxa de Cesantes, en Redondela, acollerá a presentación de Tatuado nos ollos levamos o pouso, a nova curtametraxe documental da cineasta Diana Toucedo que produce Sinsalaudio, coa participación do Concello de Redondela. A directora dará a coñecer este novo proxecto, rodado en 16mm e dixital, acompañada das propias protagonistas do filme: as mariscadoras e mariñeiros que traballan e manteñen viva a tradición deste oficio na Confraría de San Xoán de Redondela.

Diana Toucedo é unha cineasta moi relevante nos últimos anos no cinema galego. Ademais do seu exitoso primeiro longametraxe, Trinta Lumes, é unha das montadoras máis destacadas que deu o noso cine.

O acto, que terá lugar ás 21.30 horas na lonxa de Cesantes, tamén contará coa participación do programador e xestor cultural Javier Trigales e de BFlecha, quen colabora neste proxecto a través da súa música. O acceso á presentación será gratuíto, mais o público deberá retirar previamente a súa entrada, a partir das 21.00 horas, no propio edificio da lonxa. A acto poderá contar cun máximo de 150 persoas.Tatuado nos ollos levamos o pouso, cuxas primeiras imaxes puido coñecer o público que asistiu á illa de San Simón a fin de semana pasada, é unha curta documental ideada durante a celebración do Sinsal Litoral 2020.

A cineasta busca amosar, mediante os xestos e os coidados, o traballo das mulleres e dos homes do mar na ría de Vigo. “Oficios artesáns e ancestrais que son unha simbiose fundamental entre a terra e o mar, unha forma de relación filtrada a través dos seus corpos, das súas herdanzas e do seu futuro”, apunta Toucedo.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.