O Son do Camiño adíase por segundo ano e celebrará a próxima edición en 2022

O Son do Camiño 2021 aprazará a súa vindeira edición aos días 16, 17 e 18 de xuño de 2022. Dende a organización sinalaron mediante un comunicado que a día de hoxe é imposible desenvolver un evento destas características tal e como se viña facendo ata o de agora. A pesar de todo anunciaron unha nova proposta para este verán no Monte do Gozo con aforo e medidas acordes ás actuais circunstancias. Será en formato de ciclo, chamarase O Son do Camiño – Perseidas e a súa programación darase a coñecer a semana que vén.

O primeiro avance do cartel O Son do Camiño 2022 desvelarase nos próximos días. O Festival será os días 16, 17 e 18 de xuño de 2022, e manterá a boa parte dos cabezas de cartel de 2020 na que pretende ser a edición máis especial ata a data. Reunirá a máis de 40 artistas: de renome internacional, con ampla representación galega, propostas que visitarán por primeira vez Galicia e diversidade de estilos, conformando así un evento para todos os públicos.

As entradas adquiridas para a edición 2021 serán automaticamente válidas para a de 2022. Aquelas persoas que xa teñan unha poderán gardala para asegurar a asistencia á edición 2022. Tamén se abrirá a opción de solicitar o reembolso do importe das entradas para partir do 17 de xuño e ata o 1 de xullo, ambos inclusive. Ese mesmo día os compradores recibirán un  mail coas instrucións na conta coa que realizaron a compra. As entradas para O Son do Camiño-Perseidas son independentes e sairán á venda nos días posteriores á presentación do ciclo de concertos.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.