Processed with VSCO with av4 preset

O SonRías Baixas celebrarase entre o 3 e 8 de agosto

SonRías Baixas 2021 xa ten cartel e data de celebración. Este verán, do 3 ao 8 de agosto, Bueu converterase no escenario que acollerá a cita. Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conformarán o singular cartel dun SonRías que se transforma nun ciclo de concertos e que dobra a súa duración, pasando de tres a seis noites de música en directo. 

A proposta de programación desta serie de actuacións, que propón a promotora PlayPlan, xurde como resposta aos retos que tanto o contexto sociosanitario actual como o cumprimento da normativa vixente de prevención da covid-19 plantean. Así, a dirección do SonRías Baixas, logo de explorar e analizar diversas posibilidades, optou finalmente por adiar a edición de 2020 para o verán de 2022 e, no seu lugar, ofrecer un ciclo de concertos impregnado polo espírito SonRías. 

Processed with VSCO with av4 preset

Deste xeito, SonRías Baixas dobrará a súa aposta pola celebración de eventos ao vivo e ampliará a duración da programación do, que pasará de ter tres a un total de seis xornadas de concertos. Estea opción permite programar dous actuacións ao día e ofrecer unha experiencia festivaleira que garanta a seguridade de público e artistas no contexto sociosanitario actual.

PROGRAMACIÓN

SonRías Baixas regresa aos escenarios cunha proposta coidada, rebordante de dinamismo e vitalidade, na que destaca a actuación do mítico Kase.O, na que recupera o seu aclamado proxecto Jazz Magnetism. Xunto ao rapeiro, grupos como La Pegatina, Ciudad Jara, ISEO & Dodosound, Travis Birds Muerdo tamén ofrecerán en Bueu o seu único directo de gran formato en Galicia este verán.

Os concertos do ciclo SonRías Baixas 2021 terán lugar en horario nocturno. A xornada inaugural, o martes 3 de agosto, contará coa música e cantareira Sés, que regresará aos escenarios galegos para presentar o seu último disco, Liberar as arterias. Previamente, o dúo TéCanela avanzará, co dinamismo e bo rollo que caracteriza a Ariadna Rubio e Jano Fernández, algúns temas do seu vindeiro traballo discográfico. O mércores 4 de agosto será a quenda de Ciudad Jara, na primeira actuación que o novo proxecto de Pablo Sánchez -líder e compositor de La Raíz- fará en Galicia, e Tu Otra Bonita, que se suma por vez primeira ao cartel do SonRías para dar a coñecer o seu cuarto álbum, Crema.

Ao día seguinte, o xoves 5,  ISEO & Dodosound, revisarán acompañados de The MouseHunters algúns dos seus éxitos e darán a coñocer algúns cortes inéditos do álbum que publicarán proximamente; mentres que a música e compositora Travis Birds presentará por vez primeira nas Rías Baixas o seu segundo e aclamado álbum, La Costa de los Mosquitos.

Xa de cara á fin de semana, o ciclo arrancará o venres 6 coa actuación de Sabela. A cantante, quen no 2019 non dubidou en subir ao escenario do SonRías para actuar con La Pegatina, dará a coñecer o seu álbum debut, Despedida. A noite pecharase con La M.O.D.A., que regresan ao SonRías dous anos despois para presentar Ninguna ola, un álbum ateigado de vida e producido por Raül Refree co que se consolidan como unha das bandas de referencia no panorama musical estatal. 

O sábado 7 será o día grande do festival e terá o rap como protagonista. O mítico Kase.O subirá ao escenario do SonRías co seu Jazz Magnetism, disco do que se celebra este 2021 o seu 10º aniversario e cuxo espectáculo é un dos máis aclamados da historia da música do rap hispano. A noite completarase co Eterno Combate do grupo de rap galego SonDaRúa, que tamén se estrea no cartel do  SonRías Baixas.

O peche deste edición terá lugar o domingo 8 de agosto da man de dúas bandas que xa pasaron por Bueu en anteriores edicións do SonRías Baixas, con grande acollida entre o público, e que achegarán unha proposta divertida e festiva: Muerdo e La Pegatina, unha das bandas máis queridas polo público do festival. Con elas, que presentan os seus novos directos, a festa final no SonRías Baixas 2021 está garantida.

Venda de entradas

As entradas para gozar do SonRías Baixas 2021 sairán á venda o vindeiro luns 24 de maio, ás 10.00 horas. Estableceranse tres tramos diferenciados de prezos en función da disposición dos asentos preasignados no recinto, e cada un destes tramos corresponderase, fisicamente, cun espazo organizado con cadanseu equipamento e protocolo de seguridade de prevención da covid-19. O prezo das entradas serán de 23€, 26€ e 29€ segundo a relación de proximidade co escenario.  

O equipo do SonRías vén de comunicar, mediante correo electrónico, ás persoas que dispoñen das entradas da 18ª edición -cuxo aprazamento por mor do contexto sociosanitario se anunciou en maio de 2020- que, en agradecemento pola súa confianza e compromiso co festival, terán prioridade na prevenda de tickets para o ciclo de concertos. Este prazo exclusivo para compradores activarase ás 18.00 horas do domingo 23 e finalizará ás 10.00 horas do luns 24. Ademais, como novidade, as persoas que dispoñan de entradas do festival de 2020 terán a posibilidade de transformar a súa entrada en saldo para poder adquirir entradas para os concertos do ciclo. Unha vez remate este período de prevenda exclusivo, as persoas que desexen transformar a súa entrada en crédito para mercar entradas para o verán de 2021 poderán facelo mentres a venda estea activa. 

Este ano SonRías Baixas tamén activará a venda de entradas para menores de 12 anos acompañados dunha persoa adulta responsable. O equipo de SonRías habilitará asentos preasignados específicos para menores de entre 0 e 12 anos, inclusive, co obxectivo de favorecer tanto a asistencia ao ciclo de concertos en familia como para expandir a escoita de diferentes estilos musicais entre as máis pequenas e pequenos da casa.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.