O SonRías Baixas recorrerá Galicia esta primavera

O Festival SonRías Baixas -que celebrará a súa 18ª edición os 30, 31 de xullo e 1 de agosto en Bueu- espállase esta primavera por toda a xeografía galega, celebrando festas de presentación ao longo do mes de marzo en A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Bueu e Mos, ademais de en Ponferrada e en Porto. A organización do evento, capitaneada pola produtora Play Plan, quere converter estes “petiscos de música e filosofía SonRías” nun punto de encontro entre artistas e público, “unha excusa perfecta para non pasar un ano sen vernos” ao tempo que achegan a súa proposta musical e festiva a novos públicos dentro e fóra das nosas fronteiras. As entradas para a festa de Compostela, que terá lugar na Sala Capitol o sábado 21 de marzo con Muyayo Rif e Poetarras, xa están á venda na web sonriasbaixas.info.

O Festival SonRías Baixas celebrará a súa 18ª edición cun cartel ao que aínda lle faltan moitos nomes pero no que xa destacan o rap de Kase.O, o punk-rock dos Desakato, os ritmos do mundo de García Mc & Nación Quilombo e a paixón pola tradición balcánica de Balkan Paradise Orchestra. Pero antes do verán chegarán as festas, que tomarán na primavera as salas de concertos das principais cidades galegas, achegarán a outras cidades e vilas algunhas das propostas artísticas que xa son himnos do festival.

Poderanse ver actuacións de Dakidarría -que son unha das bandas que máis veces pisou os escenarios do SonRías e que sempre tivo unha resposta espectacular por parte do público- presentando a súa proposta en acústico e Muyayo Rif, que foi a gran sorpresa da pasada edición; ou unha das propostas de world music máis interesantes do país, García Mc & Nación Quilombo, que estará en agosto no festival e Ninhodelosrecaos Dj, un dos líderes de La Pegatina que cada ano ofrece en Bueu a súa versión máis desenfadada e bailable coas súas míticas sesións. Tamén pasarán polas festas do SonRías Baixas SonDaRúa, claro exemplo dunha formación nacida nas redes sociais que desenvolveu un directo de gran calidade e contundencia e que presentarán un avance do seu novo traballo, que verá a luz en abril, e os Poetarras, o colectivo músico humorístico que reaparecerán -unha vez máis- ao calor do festival de Bueu, pero esta volta en Compostela.

Estas serán as distintas datas das festas do SonRías:

Xoves 5/3/2020 – García Mc & Nación Quilombo + SonDaDúa – Maus Hábitos (Porto)
Xoves 12/3/2020 – SonDaRúa  + Ninhodelosrecaos Dj – Sala Máster (Vigo)
Viernes 13/3/2020 – García Mc & Dj Mil+ Ninhodelosrecaos Dj – Café Cultural Auriense  (Ourense)
Sábado 14/03/2020 – SonDaRúa + García Mc & Nación Quilombo + ninhodelosrecaos Dj – Sala Aturuxo (Bueu)
Mércores 18/3/2020 – Muyayo Rif + Dakidarría en acústico – Club Clavicémbalo (Lugo)
Xoves 19/3/2020 – Muyayo Rif + Dakidarría en acústico – Garufa Club (A Coruña)
Viernes 20/3/2020 – Muyayo Rif + Dakidarría en acústico – Sala Rebullón (Mos)
Sábado 21/03/2020 – Muyayo Rif + Poetarras – Sala Capitol (Santiago de Compostela)
Sábado 21/03/2020 – Dakidarría en acústico + SonDaRúa – Sala La Vaca (Ponferrada)

Pódeche interesar...
O Que Arde, Longa Noite e Homomaquia, candidatas aos Premios Goya 2020