Oh! Ayatollah refrescan estes días raros con ‘Nós contra o Mundo’

O novo sinxelo da banda revélase como un paso máis cara a exploración de novos horizontes, amosando que a Oh! Ayatollah aínda lle queda moito por aportar á nosa música

Tras predicir a fin do mundo a tres meses vista con todos.xuntos.unidos.sempre, Oh! Ayatollah volven á carga con Nós contra o Mundo, un refrescante sinxelo gravado antes do confinamento, mais co que calquera se pode sentir identificado nestes tempos. Nas súas palabras, fala de “ter vinte e algo e vivir nun mundo estraño”. De medrar e que a distancia entre ti e os teus colegas se ensanche cada vez máis, “pero algo segue sendo a hostia cada vez que nos xuntamos“.

Tras o descubrimento que supuxo Volve a Canción Protesta (2018), os Ayatollah continúan nesa clave de “tristes pero contentos” que define os define; mais non fican estancos, e en cada novo material co que nos deleitan percíbese un paso máis cara a exploración de novos horizontes. En Nós contra o Mundo observamos unha ollada diferente na produción. Un teclado electrónico lidera unha melodía repetitivamente pegadiza, mentres a voz de Nuno se presenta máis distorsionada e libre ca nunca.

Nós contra o Mundo preséntase como un manifesto de intencións en días raros: a Oh! Ayatollah aínda lle queda moito por amosar. E semella que aínda lles quedan un par de sorpresas no peto por amosar, así que cómpre estar atentos.

Pódeche interesar...
‘Longa Noite’, dispoñible para alugar en liña