‘Ons’ comeza a súa aventura en Sevilla

Hoxe, xoves 12 de novembro, o Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF) acollerá a estrea mundial de Ons, a quinta longametraxe do cineasta Alfonso Zarauza.  A sección Historias Extraordinarias – Special Screen, na que se enmarca a proxección do filme, é unha das grandes novidades da 17ª edición do Festival de Sevilla. Nela participan catorce títulos de países como Reino Unido, Bélxica, Francia, Irlanda ou Dinamarca que destacan pola súa vontade de chegar ao gran público e por combinaren narrativas íntimas e precisas con historias humanas e personaxes que deixan pegada.

Antes da súa chegada ás salas de cinema, o filme continuará co seu percorrido por festivais como Cineuropa (o 22 de novembro, no que o director recollerá tamén un dos premios honoríficos desta edición) ou Márgenes (cunha proxección o 28 de novembro na Cineteca de Madrid).

O próximo 27 de novembro a Culturgal tamén contará na súa programación cun evento especial no que, antes da súa proxección, integrantes do equipo presentarán o filme e se contará coa música en directo de Chicharrón. O trío de Carballo achega á banda sonora de Ons o tema “Na cela”, que adapta un poema de Antía Otero, e prevé acompañar o filme nalgunhas das presentacións previstas de cara á estrea en salas comerciais.

Zarauza presenta neste drama con toques de misterio a un matrimonio en crise (Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’) que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons. Unha vez alí, o seu destino cruza co dunha muller amnésica que aparece naufragada na praia. Completan o reparto Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.