
Laura Marling
Song for Our Daughter
Poucas artistas teñen a habilidade de Laura Marling para abrir o seu corazón unha e outra vez, álbum tras álbum. Song for Our Daughter crea unha cálida e melancólica atmosfera chea de potencia, poder e cariño.

Arca
KiCk i
KiCk i é sen lugar a dúbidas o traballo máis accesible de Arca. A pesar de seguir sendo unha música moi afastada dun son mainstream, este álbum, con colaboracións de artistas como Björk, Sophie ou Rosalía pode ser o lugar máis axeitado para adentrarse na discografía de Arca.

Dua Lipa
Future Nostalgia
Tema tras tema, Dua Lipa mantén sempre a clarísima idea de que, inevitablemente, temos que bailar. Un álbum refrescante e divertido, chegado antes de que 2020 tornara a desastre, e que aínda a día de hoxe continúa salvándonolo.

The Strokes
The New Abnormal
O grupo estadounidense que estaba de moda ao principio do século remata este con boa letra. Tras desastrosos intentos de atoparse de novo, The New Abnormal trae consigo os nove temas máis sólidos da banda en quince anos.

Sufjan Stevens
The Ascension
Un disco repousado, case paisaxístico, que se toma o seu tempo para construírse pouco a pouco a si mesmo. Non supón a magnum opus de Sufjan Stevens, mais si a súa declaración de intencións máis firme e madura ata a data.

Metz
Atlas Vending
A banda canadense de noise-rock Metz segue sen pisar o pedal do freo, cun cuarto disco tan cru, enérxico e veloz coma sempre, sen un minuto que perder ao longo do seu tracklist, cheo de cancións con interesantes estruturas e intensas interpretacións.

Open Mike Eagle
Anime, Trauma and Divorce
Anime, Truma and Divorce é, practicamente, o que o álbum podería suxerir. Para o rapeiro estadounidense, Igual que para moitos outros, este 2020 non foi un ano sinxelo, e con este álbum, mediante un humor agridoce e sarcástico, loitará contra todo aquilo que non está ben na súa vida deixándonos acompáñalo no proceso.

GoGo Penguin
GoGo Penguin
O trío de Manchester segue a impulsar a vangarda do jazz contemporáneo cun traballo incriblemente técnico, con ritmos que por momentos semellan imposibles, que ao mesmo tempo son capaces de conformar cancións accesibles e fascinantes.

Haru Nemuri
Lovetheism
Tras a publicación do fantástico debut Haru to Syura, a xaponesa volveu cun EP que continúa coa sorprendente mestura de rap, noise-rock e pop, pero que ademáis engade novos elementos á súa instrumentación, como o uso de instrumentos de vento na pista Fanfare, que dota a este traballo duns inesperados aires de grandiosidade.

Autechre
Sign
O IDM de Autechre vai da man co ambient en Sign, un traballo que conta con algunhas das composicións máis serenas do dúo formado polos ingleses Rob Brown e Sean Booth, fuxindo dos elementos máis claustrofóbicos que marcaron o seu estilo durante os anos 90.