
King Krule
Man Alive
En Man Alive, King Krule presenta algunhas das súas cancións máis directas dende o lanzamento de seu debut, onde de novo o post-punk mestúrase con elementos do jazz e coa voz única de Archy Ivan Marshall para conformar outro fantástico disco do artista británico.

Protomartyr
Ultimate Success Today
Continuando na súa liña, o grupo de Detroit lanza tres anos despois de Relatives in Descent outro ruidoso, apaixoado, político e apocalíptico álbum cheo de sarcasmo e agresividade, sempre dende ideas concretas que fan o álbum verdadeiramente divertido.

Kelly Lee Owens
Inner Song
O segundo disco de Kelly Lee Owens é unha impecable colección de pistas electrónicas que dotan á música tecno de elementos suaves e atmosféricos capaces de transportar ao oínte a unha realidade paralela construída sobre os seus ritmos e as súas delicadas paisaxes sonoras.

Ka
Descendants of Cain
Catro anos despois do seu anterior álbum, Ka volve a lanzar un álbum onde o seu traballado liricismo é capaz de construír historias cheas de emoción e mensaxe, esta vez utilizando ao cristianismo como vehículo para algo enorme, lento, e con boa letra.

Fontaines D.C.
A Hero’s Death
Co seu segundo disco, Fontaines D.C. confírmanse como unha das bandas máis interesantes no panorama actual do post-punk, cun son tan complexo como as súas letras. Trátase dun traballo menos frenético que o seu predecesor, pero que destaca por amosar máis escuridade e emoción.

døves
ULTRACLUB4K
ULTRACLUB4K é irreal. Unha desas quimeras que no cine serían representadas coma unha bestia indomable que non debería existir. døves senta na mesma mesa ao trance, ao hardstyle e ao emo rap e ponnos a debatir ata crear unha fantasía.

Poppy
I Disagree
Poppy plantexa neste álbum o que ela mesma chama post-genre, ou post-xénero, unha serie de composicións que non se ven limitadas de ningunha maneira por ningún tipo de etiqueta, podendo pasar dunha estrofa cun potente riff de guitarras metaleiras a un retrouso completamente melódico e pausado.

Freddie Gibbs & The Alchemist
Alfredo
Cunha produción impecable, unha chea de invitados especiais de renome e unha lírica coidada, a colaboración entre Freddie Gibbs e The Alchemist fíxose cun posto nesta lista dende a súa saída en maio de 2020. Alfredo consegue que falar de racismo, xenofobia, violencia, drogas e crime sexa, dalgún modo, duro e acolledor ao mesmo tempo.

Grimes
Miss Anthropocene
Ao longo das 10 cancións que compoñen o quinto disco de Grimes atopamos unha visión creativa única que non ofrece ningún outro artista, paisaxes sonoras etéreas, distópicas, pero ao mesmo tempo cheas de beleza, no que é probablemente o disco máis melancólico e mellor producido da carreira de Claire Boucher.

Róisín Murphy
Róisín Machine
Róisín Machine é tan electrizante que, con soamente darlle ao play, é capaz de prender todas as máquinas de baile existentes en todos os salóns recreativos a, mínimo, cen quilómetros á redonda. Murphy non andou con rodeos e lanzou un dos discos máis bailables e divertidos do ano.