Os 50 discos de 2020

Matador

Perfume Genius

Set My Heart On Fire Immediately

Mike Hadreas lanza o seu traballo máis ambicioso ata o momento, que o axuda, sen dúbida algunha, a establecerse como un dos artistas de pop máis interesantes do momento e cun son propio e diferenciado. Estamos ante un álbum romántico e introspectivo, cuxa atmosfera resulta cativadora.

Polyvinyl

Jeff Rosenstock

NO DREAM

NO DREAM é un disco tan divertido como honesto e visceral, outra escoita obrigada na discografía de Jeff Rosenstock, divertida de escoitar, chea de ritmo, enerxía e melodías que quedan gravadas nas nosas cabezas que tamén se caracteriza polas súas letras cheas de contido.

Warner

Lianne La Havas

Lianne La Havas

Cinco anos tardou Lianne La Havas en volver a lanzar un álbum de estudo tras Blood (2015), mais sen dúbida a espera pagou a pena. Lianne abre o seu corazón nun suxerente á vez que directo álbum, valga á redundancia, no que todo flúe marabillosamente.

Dead Oceans

Phoebe Bridgers

Punisher

Punisher é un traballo que destaca pola sinceridade e a fermosura das súas composicións, pezas onde Phoebe Bridgers canta letras introspectivas e cheas de emoción sobre unha coidada instrumentación que mistura os mellores elementos do folk e o indie rock.

Cutting Edge

tricot

真っ黒 (Makkuro)

O ano de tricot comezou con Makkuro, onde paixón e complexidade se mesturaban ata o punto de que escoitar á banda xaponesa fixera inseparables ambas palabras. Os instrumentos esméranse nesta pequena xoia en mesturar ese ton agresivo que caracteriza ao math-rock con elementos de pop alegres, convertíndoo nunha delicia para os sentidos.

Anti

Fleet Foxes

Shore

Shore viu a luz no xusto minuto no que acontecía o equinoccio de outono, co cambio de estación, Fleet Foxes sentencian un cambio de óptica: cara á autosuficiencia creativa e persoal. E seguen a ser capaces de construír sobre a frescura xubilosa que lles deu fama.

Dirty Hit

Rina Sawayama

Sawayama

O primeiro traballo de longa duración de Rina Sawayama mistura elementos do pop, rythm & blues, rock e mesmo metal ao longo de trece pezas cheas de melodías infecciosas e retrousos pegadizos nas que destaca o uso da parodia e o sentido do humor.

Jagjaguwar

Moses Sumney

græ

Neste dobre disco, Moses Sumney envolve as súas coidadas letras a través dunha enorme paleta sonora que vai dende o jazz, ao art-rock, pasando polo folk e mesmo incluíndo elementos da música clásica, unha aposta ambiciosa e explorativa que resultou todo un acerto para o artista estadounidense.

Mushroom Pillow

Triángulo de Amor Bizarro

Triángulo de Amor Bizarro

Triángulo de Amor Bizarro é un disco fantástico e probablemente o traballo máis maduro da banda de Boiro ata a data, onde a agresividade e a crueza dos seus primeiros albumes aparece de novo da man dunha coidada produción e composicións aínda máis variadas do habitual

Sub Pop

clipping.

Visions of Bodies Being Burned

Con Visions of Bodies Being Burned, clipping continúan a aposta sonora que introduciran no seu último traballo, unha aproximación conceptual ao rap dende o xénero do terror, cunha produción cru e agresiva próxima de aires industriais que serve de base para os versos de Daveed Diggs.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.