Os 50 discos de 2020

Sony

Natalia Lafourcade

Un Canto Por México, Vol. 1

A inconfundible e enérxica voz de Natalia Lafourcade pon en orde ideas, estudos e moitísimo corazón no que xa é o seu sétimo disco. Aquelo que fixera en Musas xa semella obsoleto, sendo capaz de evolucionar no seu son e revolucionar a súa propia música, unha vez máis. Recollendo ideas antigas e creando novas, Un Canto Por México Vol. 1 é posiblemente o seu mellor álbum ata a data, onde aliñar os nosos sentimentos cos da cantante semella algo natural.

Partisan

Idles

Ultra Mono

Ultra Mono é un grito de rabia constante. Un golpe sobre a mesa dunha banda que leva anos sorprendendo ao mundo. Un conxunto de mensaxes tan crús coma necesarios, sobre todo nesta época tan incerta, interpretados á perfección por Joe Talbot.

Cutting Edge

tricot

10

O segundo disco do ano de tricot, co que a banda xaponesa celebrou os seus primeiros 10 anos de existencia, destaca pola enorme variedade de sensacións e emocións que é capaz de evocar coa paleta sonora dun cuarteto de rock marcado pola complexidade e a técnica na instrumentación que tanto caracteriza a un xénero como o math-rock.

Warp

Oneohtrix Point Never

Magic Oneohtrix Point Never

Magic Oneohtrix Point Never é probablemente o álbum máis accesible da discografía de Daniel Lopatin á vez que mantén todos os elementos fundamentais da súa música. A revisión do synthpop de Oneohtrix Point Never é capaz de atopar maxia en estruturas e melodías que resultan familiares, vestidas cunha produción sonora que as volve completamente extraterrestres.

Secretly Canadian

Porridge Radio

Every Bad

Porridge Radio saben que non precisan soar innovadores para soar excelentemente. Every Bad supón un traballo familiar e acolledor, mostra de que o rock de guitarras segue a ser capaz de chegar ao persoal.

Asylum

Charli XCX

how i’m feeling now

Composto, gravado e mesturado durante cinco semanas de confinamento, how i’m feeling now encapsula á perfección o sentir desta corentena. Charli XCX consegue conxugar a súa incansable ansia de experimentación electrónica co familiar desfrute das melodías pop convencionais.

Hermine

Ichiko Aoba

アダンの風 (Adan no kaze)

En Adan no kaze, Ichiko Aoba fascina coa delicadeza, a fraxilidade e a fermosura das súas composicións, acompañadas dunha instrumentación e produción minimalista que sempre deixa espazo para que cada un dos instrumentos que están a soar poidan respirar, deixando o protagonismo á voz de porcelana de Aoba.

Jewel Runners, BMG

Run The Jewels

RTJ4

Oito anos despois das súas primeiras colaboracións, Run The Jewels establece o seu cuarto álbum como o seu traballo máis sólido, cunhas letras máis duras ca nunca e unha produción igual de excelente.

P.W. Elverum & Sun

Microphones

Microphones in 2020

Microphones in 2020 funciona como unha biografía autorizada de Phil Elverum, onde dunha maneira honesta e introspectiva tenta percorrer toda a súa vida facendo autocrítica de quen foi e quen é a día de hoxe. Pero, ao mesmo tempo, a idea que da corpo a algo tan persoal funciona como unha fermosa obra na que os instrumentos son capaces de pór música á vida e á morte. Imprescindible.

Epic

Fiona Apple

Fetch the Bolt Cutters

A carreira de Fiona Apple leva sendo impecable dende o lanzamento do seu debut en 1996, cando a estadounidense tiña soamente 18 anos de idade. Como a moitas outras artistas, acadar o éxito tan pronto supuxo case un shock, pero a maneira de levar esta situación por parte de Fiona foi sorprendente, centrándose na música, tratando que cada disco supoña un paso adiante respecto ao anterior, mesmo se iso supón esperar preto dunha década entre cada un dos seus lanzamentos.

Fetch the Bolt Cutters é un traballo incriblemente sincero, no que cada canción é un relato envolto cunha instrumentación cru e minimalista, que se move maiormente entre o piano e numerosas capas de percusión. Trátase dun disco que foxe da sobreprodución no que non hai medo á imperfección, resultando nunha escoita íntima e desgarradora. Se temos que esperar ata 2030 para escoitar un novo álbum de Fiona Apple non teriamos ningún problema se o resultado é tan bo como este.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.