Os festivais da provincia de Pontevedra crearán unha marca conxunta

A Deputación comprométese a manter as axudas

A Deputación de Pontevedra manterá as axudas económicas a festivais de cinema da provincia, que traballan na creación dunha marca conxunta baixo a que se agruparán os certames de cara a impulsar a súa marca.

A presidenta provincial, Carmela Silva, mantivo este luns un encontro telemático cos principais festivais da zona: Play Doc de Tui, FIC de Bueu, Festival de Cans, Curtas Armadiña, Novos Cinemas, Curtas Film Fest, Festival de Cinema Inclusivo, Galician Freaky Film Festival e Primavera do Cine.

O obxectivo da creación da marca propia é facer que o cinema “poida entrar noutros circuítos de promoción da provincia” e contribuír a un “modelo de turismo cultural e sustentable” en Pontevedra.

Pola súa banda, a Deputación pontevedresa comprometeuse a pór en marcha “unha potente campaña” de promoción destes certames, ademais de comprar un lote de entradas que serán sorteadas polo ente provincial.

A SEGURIDADE

De cara á reprogramación dos festivais no último trimestre do ano, organizadores e institución estudan a posibilidade de elaborar un modelo único para os eventos e así “harmonizar” os protocolos de seguridade.

Neste sentido, a presidenta provincial comprometeuse a pór a disposición dos eventos “todo o material do que dispoñamos, tanto de sinalización, de deseño de espazos e mesmo de protección como os dispositivos móbiles de control de temperatura, ademais da formación necesaria para usalos”.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.