Representantes das entidades organizadoras -Concello de Pontevedra, AGADIC, Bodegas Martín Códax, Deputación de Pontevedra e Músicas ao Vivo- na presentación. | Foto: Pixelín

Os Premios Martín Códax chegan á escola

A segunda edición do proxecto didáctico vinculado ao certame xa está en marcha

Músicas ao Vivo e Rede Espora presentan o II Proxecto Didáctico Premios Martín Códax da Música, unha proposta radiofónica para fomentar a música galega dentro dos centros escolares, a través do traballo cos proxectos musicais inscritos nesta edición dos Premios Martín Códax da Música.

Tras o gratificante resultado do pasado ano, ambas entidades tiveron clara a necesidade de continuar o proxecto nesta edición, xa que a maridaxe do descubrimento das boas músicas deste país e as voces da nosa rapazada é unha aposta clara polo futuro de todas e todos. O proxecto didáctico anima ao alumnado a elaborar un pequeno programa de radio, en formato podcast para divulgar e dar a coñecer as diferentes bandas e estilos musicais que se presentan no certame.

Neste ano, ademais, a proposta do proxecto xirará ao redor daquelas bandas con presenza de mulleres. Baixo o suposto de que as bandas galegas de/con integrantes femininas foron secuestradas, o alumnado terá que indagar entre os proxectos inscritos nesta edición dos Premios Martín Códax da Música para atopalas. Unha vez feita a descuberta, será cando realicen a gravación do programa falando do grupo que máis lles gustou.

ADAPTACIÓN Á SITUACIÓN ACTUAL         

Se ben o proxecto didáctico foi enviado a tódolos centros educativos e profesorado, cunha proposta inicial para o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e 2º da ESO, a excepcionalidade da situación deu pé a que se flexibilizara o seu uso para outros cursos, tomando en consideración o que o profesorado estime oportuno. O prazo límite para facer chegar os programas en formato mp3 ou as ligazóns aos podcasts é o 29 de maio.

Dende a organización quérese facilitar ao máximo que tódalas alumnas e alumnos poidan ser partícipes desta actividade, por iso admitiranse gravacións feitas cun teléfono móbil ou calquera outro dispositivo que poidan ter nas súas casas. Do mesmo xeito, se ben a unidade didáctica enviada aos centros proponse como actividade grupal para que o alumnado forme equipos e estea en contacto vía telefónica e online para realizar cadanseu programa de radio, tamén se admitirán traballos realizados de forma individual.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.